En Lugo, tres de cada catro centros educativos solicitaron charlas do Plan Director, destacando a preocupación pola ciberseguridade, as adiccións, o acoso e ciberacoso e a violencia contra as mulleres
Isabel Rodríguez celebrou a consolidación e continuidade do Plan Director “cunha pegada moi positiva na comunidade educativa da provincia”, recoñecemento expresamente “o labor dos axentes-docentes pola calidade e compromiso das accións realizadas, cunha magnífica colaboración entre as forzas de seguridade e os centros educativos”.
A subdelegada subliñou o traballo realizado na provincia de Lugo polos equipos especializados tanto da Policía Nacional como da Garda Civil, que desenvolveron 586 actividades de formación e prevención nas que participaron máis de 24.000 persoas, das que preto de 22.000 foron menores, 1.300 profesores e profesoras e case 1.300 membros das familias.
Temáticas
Os temas máis solicitados polos centros de ensinanza foron, en primeiro lugar, a ciberseguridade, especialmente a protección de nenos e nenas nas redes sociais, seguidas das charlas sobre acoso ou ciberacoso escolar. As adiccións a drogas, xogo ou tecnoloxía e as violencias machistas ocupan, respectivamente, a terceira e cuarta posición entre as máis solicitadas.
Segundo afirmou a subdelegada do Goberno, “desde o Goberno incrementáronse as materias e actividades para adaptarnos constantemente ás demandas sociais debido á existencia de novas necesidades en materia de seguridade entre os escolares, derivadas da sociedade cambiante”.
Consolidación e aumento da demanda
En Lugo, tres de cada catro centros educativos solicitaron charlas de sensibilización dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade no 2023. En termos porcentuais, solicitaron formación o 76% dos centros, participando no plan un total de 164.
Respecto ao ano anterior, o número de alumnado participante aumentou nun 31%, o profesorado nun 34% e cómpre destacar o número de pais, nais e familia asistentes a charlas, que incrementou nun 200%.