Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto: “As rotondas de Cangas construiranse neste ano 2024”

Foz, 22 de marzo de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este mércores, 20 de marzo, unha reunión de traballo en Madrid coa subdirectora general de Conservación de Carreteras, Paula Pérez López, e con técnicos do Ministerio de Transportes. “Quero agradecer a boa disposición do Ministerio e da subdirectora para recibirnos. Foi unha xornada moi produtiva de traballo, na que recibimos a confirmación de que as rotondas de Cangas serán unha realidade neste ano 2024”, explica o rexedor municipal.

Fran Cajoto fai referencia á visita a Foz da anterior secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, a comezos do pasado ano 2023, na que “comprometeu e impulsou varios investimentos para Foz, que xa se están cumprindo. Coas dúas rotondas, no cruce de Gralleira – Ribela e na intersección coa estrada a Ferreira e o Centro Social de Cangas, eliminamos dous puntos negros e imos facilitar moito a mobilidade aos veciños. Xa se expropiaron os terreos necesarios, están consignados os fondos e a empresa encargada do mantemento da estrada nacional e da execución destes traballos está a comprobar a afección a distintos servizos antes de comezar a obra. É unha moi boa nova que neste ano 2024 se fagan realidade”.

O alcalde tamén tratou outros proxectos que Carreteras ten en marcha no Concello de Foz: “está moi avanzado o expediente de mellora da intersección da Corredoira entre as estradas N-642 e LU-152, que se aprobou definitivamente no Boletín Oficial do Estado. Non temos data de inicio de traballos, pero a súa execución é xa unha realidade, segundo nos trasladou a subdirectora”, destaca Cajoto.

Respecto ao Terceiro Acceso a Foz, o alcalde comentou que “a reunión foi moi produtiva. Expuxémoslle á subdirectora a necesidade de executar o proxecto completo do Terceiro Acceso nunha soa fase, incluíndo a conexión directa coa rúa Costa do Castro e un paso peonil á área recreativa do Bispo Santo. Estivemos traballando sobre os planos analizando as distintas problemáticas e estou moi satisfeito coa boa disposición do Ministerio para atender as necesidades do noso concello e da nosa vila”.

Exit mobile version