Site icon Crónica3.com A Mariña

Fanse públicos os resultados da consulta veciñal realizada para definir os usos e os novos servizos do Parque Pernas Peón de Viveiro

Viveiro, 8 de marzo de 2024. A tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez, anunciou os resultados da consulta veciñal realizada para definir “os usos e os novos servizos do Parque Pernas Peón”.

A maioría das persoas participantes na enquisa afirmaron visitar o parque ocasionalmente, semanalmente ou varias veces por semana, para realizar actividades como dar un paseo, pasear á súa mascota ou acudir con nenas e nenos á zona de xogos infantil.

Unha maior parte considerou que o espazo pode continuar a ser de uso recreativo e familiar pero tamén pode selo para a práctica deportiva. En todo caso, tamén foi maioritaria a opción de ampliar a zona do parque infantil con prioridade sobre o aumento dos equipamentos deportivos.

Entre as opcións de novos equipamentos deportivos máis demandados polas persoas participantes están un circuito multidisciplinar, un parque de calistenia e unhas canastas.

Tamén é maioritaria a opinión de que se deben talar tanto os eucaliptos do parque como os piñeiros de Monterrey, que provocan a aparición da procesionaria, co conseguinte risco para persoas e mascotas. Apóstase moi maioritariamente por unha repoboación con árbores autóctonas, a pesar do tempo que levaría acometer tales accións.

Tamén se trasladaron peticións como a de pechar a zona dos patos, instalar xogos para nenos e nenas de 12 a 14 anos, plantar máis árbores e flores, abrir o restaurante, máis mantemento ou unha zona cuberta.

Míriam Bermúdez agradeceu á veciñanza a súa participación no proceso, sinalando que “as respostas serán tidas en conta para as futuras actuacións que se levarán a cabo no parque”.

Axiña comezarán así mesmo os primeiros pasos de revitalización do parque cando as condicións meteorolóxicas o permitan, “comezando polo arranxo do firme dos camiños, en terra batida e coa novidade de que irá apelmazada cunha leve forma de cunca, o que favorecerá a evacuación das augas mantendo o firme máis seco e cunha maior durabilidade dos camiños en bo estado”, explicou Bermúdez.

Exit mobile version