A proba conta xa con máis de 350 participantes inscritos
O evento deportivo conta con tres modalidades; ás 11:30 horas na praia de Altar darán comezo as probas infantís, á mesma hora, 11:30 terá lugar a saída da andaina desde a praia de Arealonga con chegada na praia de altar percorrendo todo o litoral barreirense. Xa, ás 12:00 horas, tamén na praia de Arealonga, terá lugar a saída da proba absoluta na cal as e os participantes deberán salvar unha distancia de 9 km de area mollada e paseo marítimo ata chegar a praia de Altar onde estará situada a meta.
A Carreira popular das Praias está incluída no circuíto de carreiras populares +KmBarreiros, organizado polo Concello de Barreiros e que este ano vai pola súa terceira edición.
Esta é a segunda proba do circuíto logo de que no nadal se celebrara a Carreira popular de Reis, agora é a quenda da Carreira Popular das Praias, á cal seguirán a ½km vertical Monte Comado, a Benquerencia Terra Mar, o Trail Monte Comado e a Carreira Ao Son do Masma.
A rexedora municipal lembra que “Barreiros é un enclave natural que conforma unha mestura perfecta de praia e montaña no que albergar multitude de disciplinas deportivas e no que é posible fomentar un turismo activo cheo de experiencias medioambientais”.
O concelleiro de deportes, Dani García, sinala que “este ano contamos con dúas clasificacións máis dentro do circuíto Máis Kms Barreiros; unha dentro das categorías absolutas, nas cales se poden formar equipos de ata un máximo de 8 participantes e outra na que participan os colexios e institutos sumando puntos por cada alumno/a que participe nas carreiras”.
Toda a información das probas así coma as inscricións nas mesmas pode facerse desde a web https://maiskmsbarreiros.gal.