A Mariña, 11 de marzo de 2024. O vindeiro mércores, 13 de marzo, terá lugar unha nova xornada de formación en xeoturismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. Estará destinada a anfitrións e xestores de turismo dos concellos.
A cita desenvolverase entre as 9:45 e as 19:00 horas no salón de conferencias, en Burela, sendo a asistencia á xornada de tarde opcional. O equipo docente estará formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia, e Iván Rodríguez, doutor en xeoloxía e guía de xeoturismo.
Deste xeito continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, refireuse a esta actuación: “o obxectivo xeral do PSTD na Mariña é o de impulsar un desenvolvemento turístico sostible, poñendo en valor o noso patrimonio cultural e natural para afrontar o reto demográfico; especialmente nas áreas rurais dos municipios. Con esta actuación trátase de alcanzar un uso sostible dos recursos turísticos, crear e consolidar produtos con recursos endóxenos e de calidade, que contribúan á desestacionalización, á distribución dos fluxos turísticos, así coma á cohesión do destino. E creo que seguindo esta liña de traballo con esta e outras accións do plan, pouco a pouco, imos poder conseguilo”.
Contou que “o programa de Xeoturismo incluirá tamén en marzo dúas novas saídas: a Xeoruta polo Pregue Xigante, de Barreiros, prevista para este sábado, 16 de marzo; e a Ruta entre Volcáns, polo Vicedo, que terá lugar o 23 deste mes”. Toda a información sobre a formación e as distintas actividades programadas está dispoñible no enlace https://amarinalucense.gal/es/geoturismo.
López dixo que “a xeo visita á Frouxeira prevista para o pasado sábado, 9 de marzo, tivo que ser aprazada de novo por alerta de fortes ventos na zona. Agardamos que o tempo mellore e así poder realizala o antes posible. Informaremos da nova data en canto estea pechada”.
Sicted
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense inicia tamén o proceso de ampliación e seguimento do Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña en 2024 abrindo un novo período de solicitudes de adhesión. O prazo de inscrición remata o 17 de marzo.
Tras contar na pasada anualidade con 29 servizos turísticos adheridos dos sectores do aloxamento, restauración, guías, oficinas de turismo e museos, a Mancomunidade amplía este ano o acceso a novos sectores, convidando a artesáns, taxis turísticos e empresas de alugueiro de vehículos da Mariña a formar parte deste sistema, que tamén continuará sumando a interesados das categorías xa presentes.
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, lembrou que “a adhesión ao SICTED na Mariña é un proceso completamente gratuíto para os axentes participantes e a metodoloxía neste primeiro ciclo de adhesión implica a realización de tres seminarios de formación, dous encontros colectivos (Asistencias Técnicas Colectivas) e dúas visitas individualizadas ao lugar de prestación do servizo (Asistencias Técnicas Individualizadas), coa convalidación case directa para aquelas empresas que contan coa Q de Calidade”.
Os interesados en obter máis información poden dirixirse ao seguinte enlace https://amarinalucense.gal/es/noticias/proceso-de-adhesion-al-sistema-de-calidad-turistica-en-destino-en-a-marina-lucense ou poden contactar por correo electrónico en info.turismo@amarinalucense.gal ou teléfono 659 293 663 de 09:00 a 14:00h.
As solicitudes serán limitadas por sectores coa finalidade de diversificar a súa representatividade, polo que a súa admisión dependerá deste límite por sector e da orde de realización das solicitudes. O prazo de solicitude estará aberto ata o 17 de marzo e prevese iniciar o proceso de formacións o 20 de marzo.
Para máis información: T. 659 293 663 09:00 a 14:00h. e correo info.turismo@amarinalucense.gal.