Site icon Crónica3.com A Mariña

ESPERANZA entregará ao Hospital da Mariña corazóns e bolsas para drenaxes

Burela, a 7 de marzo de 2024. A Asociación ESPERANZA de loita e apoio contra o cancro entregará mañán, venres, un total de dez corazóns e bolsas para drenaxes ao Hospital da Mariña. A entrega farase ás once da mañán, á directora do Centro Hospitalario, María José Cortés. Xunto con ESPERANZA, a Asociación Española contra el Cáncer fará tamén entrega ao Hospital doutro lote semellante. En total, vinte corazóns e bolsas para drenaxes.

Estes corazóns e bolsas para drenaxes serán destinados a todas aquelas mulleres que sexan operadas de cancro de mama no Hospital da Mariña, co fin de trasladarlles todo o ánimo e forza da sociedade, representada nesta ocasión polas dúas asociacións e polas persoas que colaboraron nesta iniciativa.

Por iso, ESPERANZA quere agradecer ao grupo de bordado que imparte María José Mon a doazón que se lles fixo, como asemesmo a Belén Mogo, que deseñou a embalaxe, e á Fundación EU SON, que realizou o seu pintado.

Dende ESPERANZA afirman que iniciativas coma esta axudan a crear conciencia de loita contra o cancro e de apoio ás persoas e familias que están a sufrir a enfermidade, e confían que deste xeito sexa cada vez máis a cidadanía que realmente se implique nesta tarefa.

Exit mobile version