Foron 20 cursos centrados nos recursos humanos, transparencia e bo goberno, novas tecnoloxías, políticas de igualdade, procedementos xurídicos, atención ao cidadán, saúde laboral ou urbanismo e medio ambiente
A Deputación organizou 20 accións, con máis 760 diplomas expedidos, pois nalgún caso cada persoa realizou varias formacións. “Trátase de algo positivo a nivel individual, para a carreira profesional dos traballadores, pero tamén a nivel colectivo, porque coa mellora constante de coñecementos estamos contribuíndo a mellorar o funcionamento das administracións”, sinalou o Presidente.
José Tomé subliñou que esta nova edición do Plan Agrupado “foi un éxito, froito do compromiso entre esta institución e os profesionais que a compoñen”, ao tempo que asegurou que, dende un primeiro momento, mostrou a súa intención de “apostar pola formación continua e pola carreira profesional dos empregados públicos desta casa e dos concellos da provincia”.
“Apostar pola formación é apostar polos nosos profesionais. Un grupo humano guiado pola vocación de servizo público, polo bo facer e pola adecuación do seu desempeño ás novas demandas da sociedade”, explicou, ao tempo que asegurou que “debemos seguir mellorando a atención que as administracións públicas lle ofrecemos á cidadanía. É a nosa obriga, especialmente importante no ámbito da Administración local, a que está pegada ao día a día da xente e onde acude para resolver os seus problemas”.
O Plan Agrupado de Formación Continua 2023 incluíu accións centradas nos recursos humanos, transparencia e bo goberno, novas tecnoloxías, políticas de igualdade, procedementos xurídicos, atención ao cidadán, saúde laboral ou urbanismo e medio ambiente.