Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eloxio, crítica e límites da tecnoloxía”, por Antonio Gregorio Montes

Centos de mísiles e proxectís diversos sobre o ceo de Israel, neutralizados case todos. E os poucos que non, sen causar danos graves como consecuencia do seu impacto, literalmente ‘deixados chegar a destino para non gastar cartos por non pagar a pena despois de estudar o seu lugar de impacto’. Viva a tecnoloxía! É prodixiosa! Conseguiu desactivar o ataque sen perdas, dun xeito case milagreiro! Pero é a tecnoloxía (aínda polo que se ve, dun nivel inferior) a que tamén permitiu realizar o ataque sobre os ceos de Israel.

Non, nestas palabras non se trata de ir a favor ou en contra do goberno dun país (menos aínda, do seu pobo, que é diferente). Houbo, hai e haberá momentos e lugares para manifestar esa necesidade. Isto vai só de tecnoloxía. Tampouco de como se consigue, ou o mellor sistema de obtela.

Hai tempo que está claro que a tecnoloxía é neutra no sentido de que a súa bondade ou maldade depende de nós, humanos, de como a usamos, para que. E hai tempo que se sabe que ter unha mellor tecnoloxía dá vantaxe en calquera guerra, económica ou militar, non importa.

Pero a tecnoloxía ten límites. Así, o factor humano, de moitos xeitos diferentes, pode contrarrestar un atraso tecnolóxico. Por un factor tal caeu o imperio romano fronte ós pobos ós que chamaba ‘bárbaros’, que aproveitaron a súa descomposición interna partindo dunhabase tecnolóxica inferior. E así caeu o sistema de vídeo Betamax, superior fronte ó que dicían inferior VHS, por un mellor manexo de permisos de uso e desenvolvemento comercial. E de xeito parello podemos perder a guerra fronte á emerxencia climática aínda que teñamos, din, tecnoloxía para poder afrontalo: o sistema socioeconómico na que a humanidade estamos inmersos non está a permitir que se aplique en cantidade e rendemento, ou que se apliquen os medios para poder usar esa tecnoloxía.

Volvendo ó caso inicial, o éxito da defensa israelí no ataque iraniano, a tecnoloxía empregada por Israel garante a súa venda a bo prezo, unha volta amosado o seu rendemento e a súa utilidade. Difícil, moi difícil será que os medios aéreos de Irán podan golpear a Israel, mentres ó contrario está demostrado que si é posible. Pero toda esa tecnoloxía non garante a vitoria fronte a un pobo palestino que non ten nada que perder, posto fronte á súa propia morte. Nin tampouco pode librar das consecuencias se un mísil ten unha bomba de potencia abondo, poñamos unha bomba A ou H, de xeito que os efectos da súa explosión afecten a quilómetros de distancia… podendo levar ademais, a unha guerra moito máis estendida e mortífera.

Exit mobile version