Site icon Crónica3.com A Mariña

“Do público, do privado e do mediatizado”, por Antonio Gregorio Montes

Nestes momentos cando escribo, teño prestado un libro da ebiblio da Xunta de Galicia, a biblioteca electrónica que complementa as bibliotecas físicas dentro do sistema público da Xunta. É a primeira vez que uso esa plataforma, á que accedín coa inestimable axuda de Mónica, a bibliotecaria da BPM Viejo Pancho de Ribadeo.

Despois de entrar en lista de espera, para acceder ó préstamo, en pouco máis dun día chegoume o aviso de que o tiña dispoñible, e 48 horas para facelo efectivo. A nota chegoume por correo electrónico ás tres da mañá, vivimos nun mundo no que non se descansa.

Sendo a primeira vez, vin as opcións de lectura e, unha vez asegurado que a posibilidade de o ler en liña funciona ben, paso a artellar para poder telo nun lector electrónico, nun ‘ebook’. Para min non é o mesmo cun libro en papel, pero supera en características á lectura na pantalla dun ordenador. Descargo o ficheiro no formato accesible, un formato pensado non para facilitar a lectura, senón para protexerse dela, das ‘lecturas ilegais’. Seguindo as instrucións, fágome unha conta nunha entidade privada que me facilitará o programa para pasar o arquivo protexido a un formato adecuado ó meu lector. E entón cando me decato de que non hai posibilidade de instalación dese programiña ‘ponte’ no sistema operativo que uso, Linux. Ou sexa, non é só que a rede pública dependa dunha ‘ponte’ privada para o uso dos sistemas dixitais que ofrece, senón que esa ponte necesita tamén de sistemas privativos, de Microsoft ou Apple, para poder funcionar, descartando sistemas libres como Linux. Nada de mercado libre no sentido de liberdade, senón só libre no sentido de propiedade: ‘money, money, money!’

Cabe aquí facer un pequeno paréntese para especificar que mentres ti compras un libro físico ou dixital e quedas para sempre con el (no segundo caso, en teoría, que non sería o primeiro que o vendedor borra ó seu arbitrio), as bibliotecas compran un libro ou recíbeno de agasallo e logo pagan un canon por uso repetido, e agora, en relación ós libros en formato dixital, teñen licenzas de uso, co que pagan unha vez, remátase a licenza (por tempo ou mesmo por número de descargas, ou ambos) e ou quedan sen acceso ou teñen que pagar de novo, outra, e así sucesivamente. E, a ti, como préstamo, o libro dúrache accesible un tempo determinado (neste caso, ata tres semanas). Ou sexa, un xeito de constrinxir a labor dunha biblioteca.

Así, a falta doutra posibilidade, comezo a ler no ordenador a través da web, noto algún pequeno fallo de uso da interface, e a partir de aí dáme por pensar que así non vou rematar o libro con ben, co que procuro unha alternativa. Paso un tempiño a cortapegar con paciencia e xa teño o libro copiado en formato .odt que podo converter co Libre Office en .pdf, ou mediante o programa Calibre podo pasar a .epub, formato libre para libros electrónicos que podo usar tamén no meu lector. Teño tres semanas para lelo, se quero seguir cinguíndome a elas, pero agora dun xeito portable no meu lector electrónico. Vexo que como primeirizo cometín algún fallo na copia, pero é pequeno e emendable, non pasa nada. Teño tres semanas. Logo, prometo que borrarei o .odt e o .epub que aínda teño sen facer.

Exit mobile version