Site icon Crónica3.com A Mariña

Concluída a ordenanza de uso das praias que regula a presenza de mascotas nos areais viveirenses

Viveiro, 1 de marzo de 2024. A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Medioambiente de Viveiro, elaborou a nova ordenanza de uso e aproveitamento das praias que será levada ao pleno ordinario do mes de marzo para a súa aprobación.

A ordenanza regulará, entre outras cuestións, a presenza de animais nas praias na tempada de baño, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, permitindo o acceso a cans entre as 21:00 horas e as 09:00 horas da mañá. Así como establece a praia de Seiramar como areal de uso compartido, no que a presenza de mascotas estará permitida en calquera horario.

A ordenanza evita a prohibición de acceso dos cans e contempla sancións para as persoas que leven as súas mascotas ás praias que non sexan de uso compartido fóra dos horarios establecidos.

“Habilitamos esta alternativa para satisfacer as demandas das persoas propietarias de cans e das persoas que non queren animais nas praias. Esta regularización fai posible a convivencia pois é tan necesario habilitar zonas para cans como sancionar aos donos que incumpren os horarios e outras normas de convivencia”, explica Míriam Bermúdez.

Ademais disto, a ordenanza regula a habilitación de canles de acceso á praia tanto en Covas como en Area, que permitirán que as embarcacións que hai fondeadas poidan acceder dende o mar ao areal.

Regúlase neste texto tamén a limpeza e calidade das augas, as actividades e instalacións temporais, a vixiancia o salvamento e socorrismo, a pesca, a circulación de vehículos, a acampada, as embarcacións, a práctica de deporte na zona de baño, as cacharelas e o ruído.

Exit mobile version