Ribadeo, 21 de marzo de 2024. Concello e Xunta asinan un convenio de colaboración para arranxar O Cargadeiro. O alcalde, Dani Vega, dixo que ese enclave estaba totalmente abandonado.
O rexedor contou que “o Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia firman unha colaboración económica para investir no Cargadeiro, este enclave natural e punto turístico que cando nós chegamos ao goberno encontramos totalmente abandonado. Víase claramente unha falta de mantemento: atopámonos coa madeira en mal estado, as vigas e as táboas rotas. A xente ten medo a entrar no Cargadeiro. Hai unha necesidade de mantemento, iso é visible e dende logo debemos actuar”.
Vega sinalou que “estamos no goberno e polo tanto hai que traballar, xestionar e resolver problemas. E dende logo o Cargadeiro non podíamos permitir que seguira así. Polo tanto neste pouco tempo que levamos no goberno xa xestionamos este investimento para esa zona”.
O alcalde considera que “tamén debemos actuar no entorno: mellorar a iluminación non soamente no espazo natural do Cargadeiro senón tamén de todo o paseo; ademais vamos eliminar as papeleiras rotas e colocar unhas novas. Vamos ter o Cargadeiro nun perfecto estado”.
Para Dani Vega “se dicimos que Ribadeo é un punto turístico importante dentro do mapa español debemos actuar en consecuencia e ter coidado e conservado todo o pobo. E neste enclave tan importante como é o Cargadeiro temos que actuar para resolver un problema e así ter un espazo natural coidado e conservado”.