Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Altri: así non”, por Xoán Antón Perez Lema

O proxecto de 2021 era, verdadeiramente, um proxecto único e innovador a nível mundial porque propuña unha dupla fabricación de fibras vexetais: unha fábrica de fibras renovábeis (A) empregando fibra curta de eucalipto galego e outra fábrica de fibras (B) recicladas dende roupas usadas ou fóra de stock. Unha fabricación plenamente inserida na economía circular que engadía valor á nosa materia prima. Velaí o grande interese que tiña Inditex no proxecto, tendo en conta que poderia fabricar prendas dende fontes ben dispoñíbeis: esa fibra curta de eucalipto galego (fibras A) e a roupa usada que podia achegar a multinacional galega vía loxística inversa (fibras B).

Por outra banda, as estimacións, daquela, eran de 1.500 empregos directos. Deste xeito o proxecto xerou a atención e aceptación xerais e mesmo o alcalde de Ribadeo na altura, Fernando Suárez Barcia (BNG) ofrecía ubicación no seu Concello, nun contexto de busca de solucións á crise industrial aberta na Mariña polo parón produtivo de Alcoa.

Agora o proxecto real de Altri rebaixa de 1500 a 500 os empregos directos e xa non é innovador, nin de economia circular nin sostíbel. Inditex xa non estea interesado, porque o plan é construir unha celulosa do século XX para fabricar pasta de papel (pulp) orientada á exportación e para fabricar unha celulosa de disolución (dissolving pulp) para facer tecidos. É dicir, será unha industria de encrave que non achegará integración na cadea produtiva nin, xa que logo, valor á economia galega. Será a celulosa de sempre que non queren en Portugal .

O impacto hídrico e ecolóxico, en xeral, é totalmente desaquelado. A indústria precisará de 46 millóns de litros de auga ao día, máis ca as necesidades domésticas de todos os habitantes da província de Lugo. Esta captación de auga, logo de tratada na planta, sería devolta nunha cantidade media de 30 millóns ao día a xeito de verteduras. A captación de auga dos acuíferos da conca de Ulla e do encoro de Portodemouros dificultará o normal desenvolvemento das máis de 4.000 explotacións gandeiras da Terrra de Melide, a Ulloa, Arzúa e O Deza e das súas 20 industrias lácteas e, tamén, doutras explotacións agroindustriais e mesmo doutras manufacturas, que empregan varios centos de persoas. O impacto hídrico. ambiental e paisaxístico danaría tamén as vizosas actividades de turismo rural e hostaleiras destas bisbarras, onde o Camiño francês é unha historia de éxito, ademais de incumprir eventualmente as regras de protección deste Camiño como ben patrimonial. O impacto, tamén, sería letal para a xa castigada produtividade das actividades miticultoras e marisqueiras da ría de Arousa, ademais de que as súas necesidades hídricas prexudicaría gravemente o desenvolvemento do conxunto da indústria conserveira existente, barbanzá e arousá.

Velaí a oposición do BNG nacional, dos gobernos locais de Melide (Adiante Melide-BNG) e Arzúa (BNG-AlternativaxArzúa-PSdeG) e as dúbidas e reparos do líder nacional do PSdeG Gómez Besteiro e da voceira socialista na Deputación luguesa.

Semella que o proxecto non acadou avaliación positiva para obter os innovation funds da UE e fontes que coñecen ben o mecanismo dos PERTE next generation dubidan da posibilidade de que un proxecto tan lesivo ambientalmente e tan nulo en termos de innovación tecnolóxica poida acceder a esta caste de financiamento, mentres os especialistas en comunicación non entenden a estratexia de achegamento á veciñanza desenvolvida por Altri que semella pensada para sementar ainda máis rexeitamento .

En calquera caso Galicia é unha sociedade europea e desenvolvida e as bisbarras do seu centro xeográfico, da conca do Ulla e das duas beiras da ría de Arousa posúen unha estrutura económica diversificada que coñece o perigo desta caste de industrias de encrave que non achegan cadea de valor e desertizan a contorna. O proxecto de Altri habería ficar na nómina das iniciativas vetadas pola mobilización da cidadania galega, como a celulosa de Ponteceso, a nuclear de Xove ou a mina de Corcoesto. Será, en calquera caso, unha historia que durará meses, cando non anos e pode amosar o grao de divorcio do Goberno galego cos sectores produtivos das bisbarras afectadas.

Exit mobile version