Apagarase de xeito simultáneo a outros edificios e monumentos de todo o mundo durante unha hora, comezando ás 20:30 do horario da España peninsular
O apagado terá lugar á vez que o de miles de edificios e monumentos de todo o mundo, comezando ás 20:30 do horario da España peninsular. A nivel estatal son xa 391 os municipios que se teñen sumado á iniciativa, que o ano pasado logrou chegar a 500 municipalidades.
Burela foi unha das 100 primeiras de toda España en anunciar a súa adhesión á iniciativa este ano, razón pola cal foi premiada con varias camisetas conmemorativas. Ademais, é un dos 21 concellos galegos en fomar parte da mesma.
A concelleira de Cultura Medioambiental e Ecolóxica, Lina Gómez Pardo, anima á veciñanza “a participar tamén na reivindicación, apagando a luz das súas casas durante a mesma hora”.
A Hora do Planeta naceu en 2007, co obxectivo de concienciar a poboación sobre a situación de emerxencia climática que está a vivir o mundo. Ata 200 países participan cada ano, apagando incluso monumentos tan emblemáticos como o Coliseo ou a Torre Eiffel.
O total de monumentos que se apagan anualmente está en torno aos 17.000. Con este xesto sinxelo búscase contribuír a frear o cambio climático e a perda de biodiversidade no planeta.
Ademais de concellos e particulares, tamén se poden sumar á iniciativa empresas e organizacións. En España xa se teñen sumado 112 empresas e 77 organizacións ao apagado deste ano.