Prevé destinar máis de 22.000 euros á mellora do sistema de climatización da Escola Infantil e a instalar luminarias máis eficientes no Centro Sociocultural de San Cosme e nos Colexios Vellos de San Miguel
Barreiros, 19 de marzo de 2024. O Concello de Barreiros vén de solicitar, con cargo ao Fondo Adicional de Cooperación Local do 2024, unha axuda para realizar diversas mellorar na eficiencia enerxética da Escola Infantil, o Centro Sociocultural de San Cosme e os Colexios Vellos de San Miguel.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que se trata de “locais con moito uso e con necesidades importantes en materia de eficiencia enerxética que contribuirán non só a un aforro municipal, senón tamén a incrementar a confortabilidade das persoas usuarias”.
Así, na Escola Infantil levaranse a cabo traballos para a mellora do sistema de climatización, mediante a instalación de bombas de calor, que permitirán o mantemento dunha temperatura estable durante todo o ano. Ermida explicou que desde a chegada ao goberno se veñen realizando numerosos investimentos neste inmoble, “conscientes da importancia de que conte coa máxima seguridade e confortabilidade posible”, como a realización dunha instalación eléctrica integral e a súa legalización no primeiro ano de goberno, para corrixir unha deficiencia da que poderían derivarse importantes responsabilidades, ou diversas actuacións nos cerramentos exteriores e o patio.
Con esta medida, continúase na liña de mellorar a conformtabilidade para as persoas usuarias -tanto crianzas como persoal da escola- ao tempo que se pretende a redución do gasto público e de combustibles fósiles. O importe para o que se solicita a axuda é de 9.951,04 euros.
Investimentos en locais sociais en San Cosme e San Miguel
Continuando a liña de investimentos que xa se ten realizado en varios locais sociais, como a legalización das instalacións eléctricas dos mesmos, prevese nesta ocasión unha actuación para a que se solicita axuda por importe de 12.520,99 euros para a substitución de todas as luminarias do Centro Social de San Cosme (onde se inclúe a biblioteca municipal) e dos Colexios Vellos de San Miguel.
Ana Ermida manifestou que se trata de “locais sociais que teñen un uso practicamente continuado durante toda a semana e polos que discorren centos de persoas nas diversas actividades que se levan a cabo neles. Por esta razón, é prioritario facer os investimentos precisos para tratar de que súa iluminación sexa o máis eficiente posible, reducindo custos e, ademais, mellorando as propias condicións lumínicas”.
As actuacións previstas con abeiro á axuda solicitada consisten no cambio de toda a instalación eléctrica a sistemas LED que permiten unha redución de gasto público tanto nos consumos como no mantemento, a o tempo que se consegue unha maior eficiencia na propia iluminación.
O total da axuda solicitada con cargo ao fondo adicional de cooperación local para este ano ascende a 22.472,03 euros, que cubriría a totalidade das actuacións a realizar nos tres inmobles municipais.