Site icon Crónica3.com A Mariña

Apaga organiza cursos de preparación para as oposicións de profesores da familia profesional de transportes e mantemento de vehículos

Ribadeo, 12 de marzo de 2024. Apaga organiza cursos de preparación para as oposicións de profesores da familia profesional de transportes e mantemento de vehículos. A inscrición está aberta.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “deseñamos un plan de formación de apoio aos socios de Apaga ou para outras persoas que neste momento non son socias, pero que no futuro poden sumarse á familia de Apaga. Creouse un paquete formativo para axudarlle a aquela xente que está a preparar oposicións da rama de transporte e mantemento de vehículos. Sacamos unha serie de cursos, que teñen unha parte a distancia e outra parte práctica. Esta última farase en Ribadeo en fins de semana, sábado e domingo, en horario de 10:00 a 20:00 horas. Son formacións de curta duración ás que se pode acoller outra persoa que neste momento non sexa socia de Apaga”.

Mobilidades

Doural contou que “seguimos a traballar nas mobilidades Erasmus con alumnado que agora mesmo está en Italia, outros que van saír para Portugal, Finlandia, Croacia… ata finais de agosto teremos mobilidades seguidas. Continuamos a traballar no proxecto de hidróxeno, que empezou hai uns meses e tamén imos facer unhas xornadas en xullo de internacionalización. Traeremos a Ribadeo a socios nosos doutros países e tamén a centros educativos que están con nosoutros no consorcio para poñer a punto determinadas cousas”.

Recoñecemento a José Barro

Apaga está a colaborar na edición dun libro sobre a figura do empresario viveirense José Barro: “colaboramos na edición dun libro que se vai sacar, posiblemente a finais do verán, sobre José Barro, o industrial de Viveiro. É de Manuel Lage, enxeñeiro que pertenceu á empresa Pegaso. Estamos axudándolle con todo o material que nos tiñamos recompilado. Polas noticias que temos esa publicación vai ser feita pola Deputación, á que lle agradecemos que saiba estar no sitio e no momento axeitado”.

O presidente de Apaga subliñou: “quero recalcar que este industrial de Viveiro, que fixo tanto por esa cidade en tempos difíciles e complicados, teña un recoñecemento oficial. Agardo que o Concello de Viveiro se anime a dedicarlle unha praza ou unha calle algún día, non se sabe cando, pero polo menos que algúns dos seus familiares que xa están nunha idade avanzada poidan velo. Hai uns meses que faleceu Marisol Barro, unha das súas sobriñas, e gustaríame que o resto da familia puidese velo e que os políticos de vez en cando estean por enriba de certas cousas e saiban recoñecer o traballo dos emprendedores. Ao mellor hai que dar menos charlas e historias que se montan por aí de emprendedores e coller as hemerotecas e a historia do traballo que fixeron José Barro en Viveiro, Ángel Hermida en Lourenzá, Eladio Lorenzo en Mondoñedo, xente que foron uns grandes emprendedores. E sería bo que esa información a tivera a xente que agora está a estudar, para que coñezan como fixeron para poñer en marcha as súas empresas… é un tema pendente na Mariña, que como dixo ben o señor Bispo de Mondoñedo hai uns días, necesitamos empresas. Ata a igrexa se está a envorcar e a dicir cousas moi interesantes”.

Exit mobile version