Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares reclama revisar desde xa as cotas pesqueiras para 2024 tras refrendar a xustiza europea que deben atender ás necesidades sociais da frota

O conselleiro do Mar en funcións participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024. O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares reclamou a revisión inmediata das cotas pesqueiras en augas comunitarias establecidas para 2024 no transcurso da súa participación esta tarde no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio da reunión dos ministros de Agricultura e Pesca da UE do día 26. Nesta próxima cita europea España solicitou a inclusión na axenda das consideracións en relación co pilar socioeconómico na xestión pesqueira, un punto que se demandou despois da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que, a comezos do ano e con motivo dunha cuestión prexudicial formulada polo Tribunal Superior de Irlanda tras a denuncia dun colectivo ecoloxista, avalou que se podan fixar posibilidades de pesca superiores ás que recomendan os científicos para non ameazar a actividade da frota.

Alfonso Villares aproveitou para volver a vista atrás, ao tradicional Consello ministerial que fixou en Bruxelas as posibilidades de capturas para este ano -e nalgunhas especies de carácter plurianual- sinalando que nesta cita se acabou poñendo límites no posible reparto de capturas en previsión dunha sentenza negativa que non só non se produciu, senón que se puxo de parte das necesidades sociais das persoas que viven do mar. Por tanto, ante a doutrina fixada agora pola Xustiza comunitaria desde Galicia o que se reclama é unha revisión á alza do conxunto das cotas de 2024 e que se faga desde xa, elevándoa na próxima reunión dos ministros europeos.

O titular de Mar sinalou que a decisión da Xustiza europea vai na liña da histórica demanda realizada sempre desde Galicia para que se equilibren os tres piares da Política Pesqueira Común (PPC), o ambiental o social e o económico, co fin de garantir a sustentabilidade da actividade extractiva e o futuro das economías costeiras.
Tamén defendeu ante os seus homólogos autonómicos que a decisión do TXUE certifica que as frotas comunitarias están compostas por traballadores e empresas que se verían afectados polas reducións e posibles peches de pesqueiras que non teñan en conta informes que deben ser preceptivos sobre os impactos socioeconómicos que poden ter as limitacións de cotas.

No caso que se xulgaba elevado polo Supremo irlandés o Consello Internacional para a Exploración do Mar ditaminara cotas cero para o bacallau, o merlán ou a solla, unhas restricións que a UE non executou, entende o Tribunal, actuando de maneira correcta co fin de poder conxugar ese aspecto económico e social evitando un peche que lastraría a viabilidade de frotas como a galega.

Exit mobile version