Ribadeo, 8 de marzo de 2023. Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de colaboración anual que regula a axuda de 20.000 euros que recibe a asociación ribadense para seguir apoiando o consumo en clave local e para levar adiante diversas iniciativas e actividades.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, indicou que “grazas á firma deste convenio, poderemos desenvolver diferentes accións de dinamización comercial e hostaleira e de promoción turística, tal y como vimos facendo desde hai anos. Concello e Acisa seguimos a traballar xuntos, algo que sen dúbida algunha é bo para Ribadeo e para os nosos socios e socias. Son 20.000 euros os que recibiremos neste 2024”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o convenio co Concello de Ribadeo céntrase na realización de actividades de dinamización comercial e hostaleira como concertos, sorteos, campañas promocionais e publicitarias, e na compra de materiais para entregar gratuitamente ás socias e socios do noso colectivo empresarial”.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “queremos agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo con Acisa a través deste convenio e tamén con outras accións que organizamos ao longo do ano. A axuda das administracións é fundamental para a nosa asociación. Iso permítenos planificar moitas campañas, que contribúen á dinamización económica de Ribadeo”.
O alcalde, Dani Vega, manifestou que “Concello e Acisa firmamos un convenio de colaboración cunha achega por parte do Concello de 20.000 euros para que poidan realizar as súas actividades. É unha axuda directa tamén a comerciantes, porque Acisa representa a unha grande parte de comerciantes, hostaleiros, hoteleiros, un dos sectores económicos máis importantes de Ribadeo. Esa partida de vinte mil euros é para impulsar e dinamizar a economía da vila”. E engadiu: “é unha colaboración permanente e absoluta con Acisa, cunha lealdade moi importante. Estamos a traballar conxuntamente para impulsar moitas actividades, xa fixemos moitas e agora queda todo o verán por diante e unha serie de accións moi importantes que dinamizarán a vila e a economía de Ribadeo”.
Na firma do convenio anual entre Concello de Ribadeo e Acisa, que tivo lugar no Pazo de Ibáñez, participaron o alcalde, Dani Vega, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, o xerente de Acisa, Jesús Perez, e o secretario accidental do Concello, José Rodil.