Esta liña destina 600.000 euros para financiar a actividade competitiva e a organización de eventos
As entidades poden optar a axudas en dúas liñas:
– para actividade competitiva, con axudas entre os 500 e os 5.000 euros, que os clubs poden destinar a gastos en material deportivo, equipacións, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros
– para a organización de eventos, con axudas entre os 500 e os 2.000 euros, destinadas a financiar gastos derivados desas actividades
Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licenzas federativas e/ou equipos), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, dacordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia. Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes.
As entidades poden solicitar dende o próximo luns, 11 de marzo, estas axudas nun prazo de 10 días hábiles -ata o 22 de marzo-. Toda a información estará á disposición da cidadanía na seguinte ligazón:https://www.deputacionlugo.gal/temas/deportes/home
O vicepresidente e deputado de Deportes Efrén Castro destacou que “se trata da principal liña de investimento da área de Deportes e da convocatoria de concorrencia competitiva con maior dotación orzamentaria das que se realizan desde a Deputación de Lugo, unha mostra do compromiso desta institución coa promoción do deporte”.
Destacou tamén “que se trata duns recursos fundamentais para o mantemento do tecido deportivo, especialmente dos clubs de base e amateur que facilitan o acceso ao deporte e promoven a actividade física en todo o territorio”.
Na pasada anualidade as axudas chegaron a 330 clubs de todas as comarcas.