A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou no evento ‘Como ter un Google Business Profile excelente’ organizado desde o Polo mindoniense
Entre eses proxectos, destacan os relacionados coa hostalaría, seguidos do comercio e do sector servizos. Para o seu desenvolvemento, téñense realizado máis de 150 titorías e unha trintena de reunións con entidades do territorio, así como case unha decena de eventos similares ao de hoxe.
A actividade celebrada no propio Polo hoxe pon o foco na necesidade de actualizar e renovar o perfil de empresa na internet con certa frecuencia para acadar visibilidade e mellores oportunidades de venda. Así, o obxectivo é que os participantes aprendan a mellorar a reputación en liña do seu negocio, o alcance, o posicionamento orgánico e pagado ou a experiencia dos clientes e usuarios, entre outras cuestións.
O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural. Entre as novas funcionalidades, a Rede está a dar apoio a través dun Plan de remuda xeracional para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo.
No conxunto da provincia de Lugo, téñense atendido máis de 350 iniciativas nos Polos activos de Mondoñedo, Monforte de Lemos, Friol e A Fonsagrada, á espera de que entre a funcionar un novo en Sarria.