Ángeles Vázquez salienta que é o sétimo municipio lucense en superar este trámite para contar cunha ferramenta que ten como obxectivo impulsar unha ordenación urbanística sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes
A responsable autonómica asinou a resolución pola que se aproba inicialmente o PBM e salientou que Alfoz é o décimo cuarto concello de Galicia e o sétimo da provincia en superar este trámite. O obxectivo final é contar cunha ferramenta que permitirá impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes para garantir un territorio ordenado.
Nesta liña, logo de indicar que tras este trámite o seguinte paso será iniciar o procedemento de información pública e solicitar todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva, a vicepresidenta segunda en funcións explicou que este PBM establece dous núcleos urbanos e 117 núcleos rurais repartidos en nove parroquias dos que 79 son tradicionais, catro comúns e 34 que combinan ambas condicións.
Patrimonio do concello
A maiores, o plan de Alfoz -que conta cunha poboación de algo máis de 1.500 habitantes- tamén identifica e cataloga ata 153 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico, dos que 28 están declarados Ben de Interese Cultural (BIC).
Ángeles Vázquez lembrou que o obxectivo xeral destes plans básicos municipais é acadar un uso racional do territorio e a protección dos seus valores naturais e patrimoniais. Trátase, polo tanto, dun instrumento moi respectuoso e necesario para os veciños que viven en Alfoz e para quen queira investir neste municipio pois garante o desenvolvemento dun urbanismo responsable.
Ao mesmo tempo, esta ferramenta contribúe a frear o despoboamento dos concellos pequenos poñendo en valor as súas potencialidades ao impulsar actividades como as agrarias, gandeiras, forestais, tecnolóxicas, turísticas, deportivas, cinexéticas ou culturais, entre outras.
A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais -os do Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín- e está a traballar noutros 20, entre os que se inclúe o de Alfoz. O Goberno galego destina un orzamento de preto de 1,9 millóns de euros á redacción dos distintos documentos e á elaboración da cartografía que levan aparellada co obxectivo de contar cun instrumento vital para protexer e poñer en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo deses concellos de menos de 5.000 habitantes.