O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, presentou esta mañá a nova convocatoria, dotada con 5,5 M€ e aberta ata o 19 de abril
Na súa visita, Fernández Vila, puido comprobar as actuacións realizadas no colexio, grazas ás axudas de fotovoltaica da Xunta concedidas na edición anterior, para unha instalación de 18,36 kWp. Ademais, tamén puido visitar a instalación de biomasa de 600 kW que executaron cunha achega de 159.720 € para un investimento de 205.703,56 € en total.
Tal e como explicou, desde esta semana e ata o 19 de abril, está aberta a nova convocatoria que apoia este tipo de proxectos cun importe de 5,5 M€ financiada con fondos Feder. De concorrencia competitiva, pretende mobilizar 15 M€ e alcanzar aforros económicos de 2,6 M€ ao ano nas facturas enerxéticas – ao redor de 5.200 euros ao ano por proxecto- e unha redución de emisións equivalente a plantar 350.000 árbores.
As axudas terán unha intensidade do 60 % no caso das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro; e do 40 % para as pequenas empresas, do 30 % para as medianas e do 20 % para as grandes, cunha axuda máxima de 50.000 euros.
Estes apoios teñen como obxectivo seguir fomentando o uso de enerxías renovables e a cultura do aforro enerxético, á vez que se crea emprego, se reducen os custos enerxéticos das empresas, entidades e administracións locais e se contribúe á mellora ambiental.