Mondoñedo-Ferrol, domingo 31 de marzo de 2024
Celebramos hoxe a festa da Pascua. Para os cristiáns trátase do día máis importante do ano porque celebra a resurrección de Xesús. Non é un feito calquera: é o feito determinante que transforma a historia do mundo e a historia persoal. O Crucificado, aquel que fixo da súa vida unha entrega completa de si mesmo ao Pai, foi resucitado para a nosa salvación. Desta maneira, a morte xa non ten a última palabra e a escuridade na que mergulla a vida enteira e os avances da historia ábrense a unha nova esperanza e a un novo horizonte.
Nunha sociedade marcada pola morte é fermoso festexar a vida e compartir e ofrecer abertamente a aquel que para nós é a vida. Quizais máis que nunca se fai hoxe este anuncio necesario e fermoso. Cando reina a desesperanza e a morte parece cubrilo todo, os cristiáns somos persoas seguidoras e atrapadas pola vida.
Como di o catecismo “Buscade ao Señor”, recentemente aprobado polos bispos, “Cristo asegúranos que é a resurrección e a vida e que estamos chamados a unha vida eterna, a unha vida para sempre. O itinerario da nosa existencia debe percorrerse coa mirada posta na vida eterna. Somos homes en camiño cara a unha meta, a vida en plenitude xunto ao Señor”. Por iso, coa resurrección, “o cristián sabe que a súa vida ten un sentido, marcha cara a un horizonte, encamíñase cara á vida eterna e isto ilumina a súa existencia cotiá e dálle esperanza a todo o que vive. Cristo convértese para el na vida”.
Non estraña, por tanto, que a súa resurrección se converta na alegría fundante da nosa fe, a razón dos nosos encontros dominicais, o motivo da nosa esperanza no medio de tanto dor. E é que, recoñecer que Cristo resucitou é descubrir a Cristo xunto a nós, posibilitar facer esa experiencia transformadora e edificante. Cristo vive, Cristo acompaña o noso camiñar. Xesús non é xa un personaxe do pasado ao que podo e debo admirar. El vive aquí e agora e quere atoparse contigo, quere facer historia de amizade contigo, quérete encher de vida, da súa vida.
Unha vida que nos enche persoalmente, pero que significa tamén vida para o mundo. Porque a súa resurrección contáxiase a todo o cosmos, a todo o creado. A mirada e a forza do Resucitado condúcennos a traballar pola transformación do noso mundo e por levar a esperanza e a alegría que levamos. En efecto, só así podemos percibir e alentar tantas sementes de resurrección como nos rodean.
Xesús, o Vivinte que nos vivifica, está connosco para sempre. Como di o papa Francisco, “El non é un Deus afastado, senón o Deus próximo que te coñece mellor que ninguén e te ama máis que ninguén. El camiña contigo cada día, na situación que che toca vivir, no medio dos teus problemas e esperanzas”.
Por iso, a Pascua é o tempo no que o Señor quere pasar ao teu lado e quérete tocar para curarte e sacarte dos teus espazos de morte. Con el témolo todo, con el podemos atravesar seguros a ponte que nos leva á auténtica e verdadeira vida. El abre novos espazos e camiños onde pensas que non os hai, porque miras unicamente sen a perspectiva da Pascua. El chea de cor e de vida as ribeiras secas e escuras que rodean o noso mundo. Déixate sorprender e tocar polo Resucitado! Como os discípulos da primeira hora, poderalo atopar na nosa Igrexa que o fai presente e o celebra na complexa peregrinaxe da nosa historia.
Feliz Pascua de Resurrección! O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol