Consellería do Mar e sector están a traballar nun novo plan para o vindeiro exercicio que pretende ampliar a veda, dotándoa de apoio económico, extremar o control e contar con máis e mellores datos da situación da especie para optimizar a súa xestión
O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
No plan consensuado co sector para a campaña que se abrirá a finais do mes de xuño ao terminar a veda non varían nin os quilogramos marcados como captura máxima nin as e especies acompañantes que se poden capturar, como tamén permanecerán igual os horarios, tal e como se recollerá no DOG. En canto aos desembarques estase a traballar na mellorar a adecuación das autorizacións en varios portos para que non haxa problemas no día a día.
No último encontro da comisión de seguimento tamén tomou en consideración estudar unha condición específica para a frota con porto base en Malpica, pois ten unhas circunstancias especiaIs derivadas da proximidade a uns dos límites zonais do plan, o que provoca rixideces na xestión da actividade e na práctica diaria da frota, motivo polo cal se revisará esta situación para dotala de maior flexibilidade.
No encontro traballouse xa tamén, xunto cos profesionais do mar, nun plan máis completo para a campaña 2025-2026 que poderá levar consigo catro meses de parada, dous dos cales se prevén subvencionar como paro biolóxico.
Dada a previsión de incremento dos meses de inactividade o obxectivo deste departamento da Consellería do Mar é empezar de inmediato na definición do plan para a campaña de 2025-2026 co fin de que se poda poñer en marcha e permita á frota ir adecuando a súa actividade anual á parada. Para definir as datas específicas do paro analizarase cal é a mellor época para realizala en función do desove da especie e tamén dos alevíns.
De cara ao ano que ven desde a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén se está a traballar coa Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) co fin de mellorar o seguimento e tratar de obter máis datos e con maior precisión co fin de poder realizar unha mellor xestión do recurso.
Tamén se están a sentar as bases dun plan de control e de seguimento da actividade que levan a cabo a Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto para que sexa máis esixente e permita reducir a mínimos as posibles desviacións sobre a norma.
Medidas en favor do sector
A finais do ano 2023 modificouse a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros en Galicia, propiciando que o peso mínimo dun quilogramo para o polbo pasase a ter unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez se realice e rexistre a pesada no momento do desembarque.
Cumpríase así cunha demanda das organizacións do sector da pesca, que advertían de que durante as fases da cadea de produción e distribución experimenta unha diminución no seu peso alcanzando valores inferiores ao tamaño regulamentário. Un informe coa comprobación dos rexistros de pesadas en distintos intervalos de tempo constatou que a diminución se debía á perda de auga.