Foz, 21 de marzo de 2024. A FCAM (Federación de Comercio A Mariña) aposta polo traballo conxunto entre administracións, asociacións e empresas para que A Mariña vexa incrementada a súa puxanza económica. Así se puxo de manifesto na Xornada Presente e Futuro do Empresariado da Mariña, que se celebrou esta mañá no salón de actos do Cenima, en Foz.
Comercio, hostalería, emprego, infraestruturas e turismo centraron as reflexións efectuadas polos representantes de AciaFozCCA, Beiras de Viveiro, Acia Burela, CCH de Viveiro e Acisa Ribadeo.
A adaptación aos novos tempos e aos novos hábitos da clientela centrou as intervencións de José Carlos Paleo e de Domingo González. O presidente de AciaFozCCA reflexionou sobre a situación das pequenas empresas, das rexentadas por autónomos, que teñen un máximo de 5 traballadores e que son a maioría das que se atopan en calquera vila da Mariña. Paleo apostou “pola creación da tarxeta do comercio da Mariña” e aludiu “ás facilidades e vantaxes para mercar que suporía para o sector. Sería unha ferramenta que produciría beneficios para todas partes, no sentido de unir a comerciantes e clientela, para que todos vexan A Mariña como un ente único”.
O responsable de Beiras de Viveiro, Domingo González, aludiu ao sector hostaleiro e á falla de persoal que están a sufrir desde hai uns anos, a pesares das melloras introducidas tanto nos salarios como nos horarios. E tamén se referiu á necesidade de cambiar hábitos para permitir que o persoal que traballa na hostalaría poida conciliar a súa vida laboral coa familiar: “non podemos ir comer a un restaurante ás catro da tarde nin cear ás doce da noite. Iso ten que ir cambiando”.
Becky Hermida, tesoureira de Acia Burela, subliñou que “en 2022 na comarca da Mariña había censadas preto de 6.400 empresas, das que 3.747 están situadas nos concellos de Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro. O 96% son microempresas e o 66% do tecido empresarial está formado por autónomos”. E insistiu “na necesidade de incentivar aos desempregados, hai que orientalos e facerlles un seguimento. Moitos están a cobrar prestacións, que son necesarias, pero non teñen motivación para saír á busca de emprego ou a formarse. As empresas precisamos axudas para a contratación, a orientación e a formación”.
A xerente do CCH de Viveiro, Isabel Méndez, falou das infraestruturas da comarca: “é fundamental mellorar as estradas e as comunicacións para que as empresas teñan interese por asentarse na Mariña, xa que sacar o produto desde algúns puntos desta comarca encarece moito os custes e iso fai que os empresarios teñan moitas dúbidas á hora de elixir esta comarca para asentarse e que moitos decidan irse a outros lugares”. Méndez manifestou que “levamos anos de espera por unha estrada vertebradora e moderna, que nos permita acurtar os tempos empregados para percorrer o tramo comprendido entre O Vicedo e Ribadeo”. E falou do tren que atravesa a Mariña e das deficiencias que presenta: “é un servizo que non se pode utilizar”.
A presidenta de Acisa Ribadeo e da FCAM, Carmen Cruzado, analizou a situación do turismo que medrou e segue a medrar. Aludiu ao bo traballo realizado polos establecementos hostaleiros e de restauración, así como ás campañas desenvolvidas polos Concellos, pola Mancomunidade da Mariña e polas asociacións de comerciantes e empresarios a prol da desestacionalización e deixou varias preguntas no aire: “¿estamos preparados para asumir todo o turismo que recibiremos ao longo dos vindeiros anos? ¿contamos coas prazas de aloxamentos necesarias? ¿Qué Mariña queremos? Hai quen aposta pola necesidade de protexer a comarca para que non nos convertamos nunha zona masificada. Pero hai quen prefire que A Mariña conte con máis servizos para acoller a eses milleiros de visitantes. Estamos a falar do abastecemento de auga, do subministro eléctrico, da recollida de residuos, da limpeza das praias ou do socorrismo ¿cara onde queremos camiñar?”.
Empresarios, as alcaldesas de Viveiro e de Alfoz, as concelleiras de Comercio e Turismo de Foz e de Ribadeo, o xefe territorial da Consellería de Economía, xerentes e representantes das asociacións de comerciantes da comarca, así como da Fundación Expomar e do Galp A Mariña-Ortegal achegáronse esta mañá ao Cenima.
Pecharon o acto as intervencións de Marta Barreiro, secretaria territorial da Xunta en Lugo; Ana Ermida, vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña; e Fran Cajoto, alcalde de Foz e deputado responsable da Área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo. Todas destacaron a labor desenvolvida pola FCAM e avogaron polo traballo conxunto das administracións e da iniciativa privada. Desde a Federación de Comercio A Mariña subliñaron “a importancia da celebración deste tipo de xornadas para expoñer de primeira man as nosas inquedanzas e necesidades. E agradecemos o ofrecemento das administracións para traballar conxuntamente”.