Ribadeo, 19 de marzo de 2024. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo impulsa cada curso escolar unha serie de audicións das diferentes disciplinas que ofrece o centro nas que participa boa parte do alumnado da Escola.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, explica que “tanto para o alumnado como para as familias cremos que é un momento especial, de poñer en valor o traballo feito dentro da aula e, ao tempo, unha ocasión para achegar máis aló das catro parades da Escola, toda canta actividade leva a cabo o centro”.
Dende esta semana e ata o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo ten programadas un total de dez audicións, dirixidas a toda a cidadanía. A audición de vento madeira este mércores, 20 de marzo, no Teatro será a primeira actividade á que seguirán a audición do alumnado de percusión (22 de marzo – Escola), corda (12 de abril – Escola), vento metal (17 de abril – Teatro), acordeón (24 de abril – Escola), música tradicional (9 de maio – Teatro), danza (10 de maio – Auditorio), canto (13 de maio – Escola), guitarra (14 de maio – Teatro), piano (15 de maio – escola). Todas as actividades serán abertas ao público ata completar aforo.
O responsable da EMMeD, Hugo García, sinala que “estas actividades son parte da programación anual do centro xunto aos festivais, aos concertos nas parroquias… mantendo así unha das características fundacionais do centro, que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila e arredores”.