Francisco Cajoto: “Os ODS inclúen metas relacionadas con competencias e responsabilidades da esfera local, algo especialmente importante no que respecta á prestación de servizos básicos á cidadanía e na promoción dun desenvolvemento territorial endóxeno, inclusivo, integrador e sostible”
Lugo, 13 de marzo de 2024. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, inaugurou na mañá deste mércores o obradoiro Todos os ODS son locais, unha acción formativa que se celebra no Salón de Actos do Pazo de San Marcos coa participación de representantes políticos, técnicos municipais e público en xeral. A iniciativa, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Deputación de Lugo, ten por obxectivo proporcionar recursos e ferramentas para contribuír á implementación da Axenda 2030 no eido local.
Francisco Cajoto destacou o papel crucial das entidades locais na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fixados no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Un acordo asinado por 193 países, que presenta en concreto 17 obxectivos e 169 metas cunha clara vocación integradora e indivisible, que pivotan sobre tres perspectivas: a económica, a social, e a ambiental.
Subliñou o Deputado a importancia da implicación de todos os axentes económicos e sociais de ámbito local na Axenda 2030 porque “os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible inclúen metas relacionadas con competencias e responsabilidades da esfera local, algo especialmente importante no que respecta á prestación de servizos básicos á cidadanía e na promoción dun desenvolvemento territorial endóxeno, inclusivo, integrador e sostible”. Engadiu Cajoto que “ás veces pensamos nestes obxectivos como algo alleo, pero en realidade son metas que podemos traballar desde os nosos concellos. Como por exemplo, mudar o alumeado público por un de baixo consumo, fomentar campañas de alimentación saudable ou traballar en termos de igualdade”.
Cajoto Caserío, que estivo tamén acompañado na mesa polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e Carmen Novas, técnica do Fondo de Cooperación e Solidariedade, destacou a aposta da Deputación por esta formación, pois dende a institución “vertebramos toda a nosa acción de Goberno en cooperar cos concellos”.
O obradoiro Todos os ODS son locais está enmarcada no proxecto europeo People & Planet e permitirá ao longo da mañá de hoxe achegar aos participantes os principios fundamentais da Axenda 2030 e as fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 103 concellos e as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.