O Presidente asinou co Alcalde xermadés un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 25.000€ á entidade local para acometer a reformulación do proxecto técnico co fin de poder concorrer a axudas públicas para materializalo
A Deputación xa asinou con anterioridade un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para a realización desta proposta que se artellou en torno ás edificacións da Casa Reitoral e da Casa Habanera de Roupar e que contou coa estreita colaboración da Asociación de Veciños deste núcleo e do Concello. Unha iniciativa de carácter experimental co propósito de crear un Centro de Día e un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural e recursos que é replicable a outros lugares da provincia e de Galicia.
José Tomé sinalou que este traballo froito da colaboración conxunta entre o movemento asociativo, a Universidade pública e as institucións, e que recibe a denonimación de Casa da Veciñanza, “busca o envellecemento activo e favorecer que as persoas maiores se poidan quedar a vivir na súa localidade ou zona de residencia contando cos recursos axeitados para poder facelo, o que axuda a fixar poboación”.
Así mesmo, explicou que as políticas sociais son unha prioridade para a institución provincial, que dedica a este eido máis dun terzo do total dos Orzamentos, “contamos cun amplo sistema de protección social do que forman parte unha rede propia de centros públicos de atención a persoas maiores; a colaboración económica cos concellos da provincia para que poidan prestar o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas do día totalmente gratuíto para os usuarios e usuarias”.
Pola súa banda, o Alcalde de Xermade agradeceu o apoio económico da Deputación para un proxecto, dixo, “que será de vital importancia porque responde ás necesidades reais dos nosos maiores, nun concello rural como é Xermade cun alto índice de poboación de envellecemento, pois conta con 600 habitantes censados maiores de 65 anos”.