Nunha reunión convocada este xoves polo Presidente, a Xunta de Voceiros acordou o documento en conmemoración do 8M, no que a institución provincial asume como prioritario o reto da igualdade e o traballo no deseño de políticas transversais que teñan unha óptica feminista
Na declaración, a Deputación asume como prioritario o reto da igualdade e o traballo no deseño de políticas transversais que teñan unha óptica feminista e tamén manifesta “un empeño especial en fomentar ese traballo nos pequenos concellos, conscientes de que unha institución como a nosa ten o deber de chegar a todo o territorio”.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Como cada 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a Deputación Provincial de Lugo súmase a esta xornada de reivindicación, dende o compromiso coa plena igualdade e o convencemento de que acadala é o requisito indispensable para poder acadar unha sociedade plenamente democrática. Non hai verdadeira democracia, non hai avances xustos se deixamos atrás ou non garantimos os dereitos da metade da poboación. As mulleres non son un colectivo, as mulleres son a metade da Humanidade. Por iso, democracia e feminismo son palabras complementarias, que se precisan a unha á outra. Porque son as democracias as que máis teñen feito historicamente por garantir os dereitos das mulleres; e porque non hai plena democracia ata que esta integra verdadeiramente os postulados da igualdade.
Compartimos plenamente o lema elixido este ano polas Nacións Unidas para conmemorar esta data: “Investir nas mulleres: acelerar o progreso”. Tal como expresa Nacións Unidas, “a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos”. As ditaduras, o totalitarismo e as forzas da regresión poñen un acento especial en recortar, en primeiro lugar, os dereitos das mulleres. E nos conflitos que por desgracia volven percorrer Europa e o Mundo, as mulleres son obxecto dunha violencia específica, dirixida contra elas polo mero feito de ser mulleres.
En materia económica, e a pesares do que levamos avanzado, segue sen acadarse a plena igualdade salarial e persisten os teitos de cristal. Cando empeora a calidade dos servizos públicos, son as mulleres as que se ven prexudicadas de xeito especial porque seguen a cargar cos coidados das crianzas e das persoas maiores ou coa atención ás persoas enfermas. Isto é especialmente visible en sociedades de gran peso do mundo rural, como ocorre en Lugo. Segundo a recente enquisa do CIS as mulleres dedican ás tarefas do fogar 172 minutos (case 3 horas) de media ao día, fronte a 127 minutos dos homes; as mulleres dedican 6,7 horas aos seus fillos, os homes ocupan case a metade: 3,7 horas do seu tempo. Son cifras que cómpre cambiar, fomentando a corresponsabilidade e tamén apostando polos servizos públicos.
Non se pode dar un paso atrás. Non podemos retroceder na igualdade de dereitos, na integración laboral ou no desenvolvemento de modelos sociais e servizos públicos que garantan a cada muller o marco social e persoal preciso para desenvolver o seu proxecto persoal. En decembro de 2023, había case 9,9 millóns de mulleres traballando. O traballo e a independencia económica son o primeiro elemento das políticas sociais, e tamén das políticas de igualdade.
Non se poden cuestionar realidades tráxicas como a violencia de xénero. É imprescindible renovar o gran logro social e político que supuxeron as leis que recoñecen a violencia de xénero como un problema estrutural dunha sociedade patriarcal, e axuntar esforzos e recursos para previr esta violencia e para atender as vítimas, as familias e os nenos e nenas orfos.
Dende a Deputación de Lugo, asumimos como prioritario o reto da igualdade e traballamos no deseño de políticas transversais que teñan sempre unha óptica feminista. E poñemos un empeño especial en fomentar ese traballo nos pequenos concellos, conscientes de que unha institución como a nosa ten o deber de chegar a todo o territorio.
Hoxe é un día para celebrar e renovar uns compromisos que temos que manter vivos os 365 días do ano, a todas horas, tanto no mundo urbano como no rural. Porque o feminismo é un berro reclamando os plenos dereitos de cidadanía por parte da metade de nós. E non poderemos acadar nada do que aspiramos a conseguir, no eido do progreso, dos dereitos, da economía ou da ecoloxía se tentamos percorrer o camiño partidos pola metade.