A Xunta de Goberno licitou o contrato para a prestación deste servizo, que terá unha duración de dous anos, prorrogables por outro máis, e que servirá para manter en bo estado os 4.217 quilómetros de vías de titularidade provincial
García Porto subliñou que “a rede viaria da Deputación de Lugo é a máis extensa de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos”, lembrando que neste ano 2024 están consignados 20M€ nos Orzamentos para as estradas provinciais, o que supón un incremento dun 42% no último mandato. Uns recursos destinados a tarefas de mellora, de desbroce, de conservación e de mantemento das vías.
Detallou a Deputada que o contrato para os desbroces cuxa licitación aprobou este venres a Xunta de Goberno está dividido en 24 lotes, correspondentes ás distintas zonas xeográficas da provincia, “para facilitar o desenvolvemento máis áxil e eficiente dos traballos”, engadindo que se trata dunha “tarefa fundamental” coa que a Deputación de Lugo “mellorará a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención dos incendios”.
As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para acometer os desbroces son as seguintes:
– Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
– Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
– Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
– Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
– Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
– Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
– Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
– Zona 9: Lugo e Guntín.
– Zona 10: Castroverde e O Corgo.
– Zona 11: Friol.
– Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
– Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
– Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 15: Becerreá e As Nogais.
– Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
– Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
– Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
– Zona 20: Taboada e O Saviñao.
– Zona 21: Chantada e Carballedo.
– Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
– Zona 23: Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
– Zona 24: Pantón e Sober.
Melloras en estradas de Monforte, O Corgo e Ribas de Sil
Tamén en materia de estradas, a Xunta de Goberno aprobou está mañá a adxudicación de obras de mellora na LU-P-0901, que conecta os concellos de Bóveda e Monforte de Lemos por un importe de preto de 120.000€. A empresa adxudicataria é Francisco Gómez y Cía, o proxecto ten un prazo de execución de 3 meses e afecta a un tramo de dous quilómetros e medio, entre o punto quilométrico 8,319 e o 10,709.
Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical. Ademais, inclúe unhas melloras de obra consistentes no aumento da lonxitude da cuneta en 15 metros e medio.
A Xunta de Goberno aprobou así mesmo o orzamento definitivo das obras de arranxo que tivo que acometer de emerxencia a Deputación en dúas estradas tras as intensas choivas de finais do ano pasado. Por un lado, aprobou un presuposto de preto de 64.000€ para a LU-P-5303, ao seu paso polo concello de Ribas de Sil, no punto quilométrico 5,200, onde tivo que restituír o sostemento da estrada como consecuencia do colapso do muro e a pavimentar a zona afectada. Por outra parte, aprobou algo máis de 79.400€ para o Cinto Comarcal, á altura do concello do Corgo. As obras consistiron na instalación dun marco de formigón prefabricado co obxectivo de canalizar a saída da auga dun xeito máis eficiente, a pavimentación do firme e a implantación dun sistema de contención, e a reposición da sinalización.
Subministro de material eléctrico
Na reunión de hoxe, o Executivo provincial deu o visto bo á licitación dun contrato para o subministro de diverso material eléctrico para a sección de mantemento da Deputación de Lugo por un importe de 30.250€. A duración deste contrato será dun ano, con posibilidade de prórroga por outro máis, sen que a duración total exceda os dous anos.