Ribadeo, 22 de marzo de 2024. A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará catro pezas no concerto de Semana Santa que ofrecerá na igrexa parroquial ribadense o vindeiro mércores, día 27, ás 20:45 horas.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester Martínez, anuncia que tradicional concerto de Semana Santa que ofrece todos os anos esta formación “terá lugar o mércores 27 de marzo ás nove menos cuarto da tarde na igrexa parroquial. Será un concerto no que todas as obras serán marchas procesionais, das que catro delas serán tocadas por primeira vez pola nosa Banda. É un repertorio que ten moita potencia e que se presta moito para tocar na igrexa parroquial”.
David Ballester convida “a toda a xente que estea en Ribadeo o mércores 27 a que se achegue á igrexa parroquial para escoitar á Banda Municipal” e agradece á parroquia “por deixarnos facer este concerto na igrexa, xa que é o mellor lugar para interpretar estas pezas”.