A exposición, titulada A trata de persoas, forma parte das actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller, que se organizou en colaboración coa Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Foz. Estará sita no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) do 5 ao 26 de abril e xira en torno á explotación da muller. A través da mesma poderase aprender máis sobre esta realidade que se nos presenta dende o Servizo de Atención a mulleres vítimas de violencia, trata e explotación sexual de Cáritas Diocesana de Lugo.
En canto aos cursos de extensión universitaria, contarase cun Taller de creación literaria, no que se analizarán os diferentes elementos que compoñen un texto narrativo e se tratará de guiar ao alumnado no seu proceso de creación literaria. A focense Laura López-Leitón, escritora e docente, será a guía deste proceso creativo. As clases terán lugar do 2 de abril ao 16 de maio, os martes, mércores e venres, de 17 a 18 horas.
Entre o 4 de abril e o 6 de maio levarase a cabo unha formación dirixida a aquelas persoas que non teñen un bo dominio do castelán. Ofértase o curso de Español para estranxeiros, que ten como obxectivo que o alumnado incorpore a lingua castelá no seu ámbito persoal para satisfacer necesidades de tipo inmediato. Impartirase os luns e os xoves de 18:30 a 20:30 horas e a encargada de levalo a cabo será Leticia Veiga, docente de inglés e español e coautora do libro ESL Sentence Builders. Esta mesma docente impartirá tamén outro curso, Implantación da metodoloxía EPI (Extensive Processing Instruction) en idiomas, no que dará a coñecer unha novedosa metodoloxía para a ensinanza de idiomas, baseada na utilización de frases fixas do discurso que son habituais no uso diario, que a base de repetir e usar en distintas situacións e contextos, se van aprendendo por parte do novo falante. As clases terán lugar os martes, do 9 de abril ao 7 de maio, de 19 a 21 horas e estarán dirixidas a docentes.
Tamén orientado a profesionais da educación ofrécese o curso Actualización de ferramentas TIC para docentes, que impartirá a profesora de inglés no IES de Foz e titora da UNED, Lucía Villarino. Tratará de achegar a este colectivo ao uso de ferramentas como Canva, Genially ou H5P e de inicialos no uso destes recursos no ámbito educativo. As clases serán os xoves, de 18 a 20 horas do 4 ao 25 de abril.
Estas actividades, como a meirande parte das que se ofrecen dende UNED, poden realizarse de maneira presencial e online en directo e en diferido. Para obter máis información pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou por correo electrónico foz@lugo.uned.es.