Site icon Crónica3.com A Mariña

A asemblea de delegados/as da CIG de Alcoa e das auxiliares avalía a situación do complexo e a necesidade de retomar a mobilización

Cervo, 25 de marzo de 2024. Ante a reunión o vindeiro 4 de abril da Mesa de seguimento, os delegados e as delegadas da CIG en Alcoa e nas súas auxiliares reuníronse en asemblea esta tarde para avaliar a situación do complexo industrial, os incumprimentos da multinacional, a ausencia de actuacións das administracións. Instaron a pór en marcha as propostas trasladadas pola central nacionalista para garantir a continuidade produtiva e dos empregos e reafirmáronse na necesidade de ir á mobilización.

A asemblea contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e durante o seu transcurso as delegadas e delegados defenderon a necesidade de recuperar a unión e retomar as mobilizacións do conxunto do persoal da principal e das auxiliares, ante a pasividade amosada polas administracións, incapaces de darlle reposta as ameazas de Alcoa.

Lembraron que foi grazas á loita como se logrou paralizar os plans de peche de Alcoa e se obrigou ás administracións a ter que intervir dun xeito activo no conflito. Por iso, Paulo Carril chamou “a seguir o mesmo camiño que hai tres anos se queremos que Alcoa cumpra co acordo e os Gobernos teñen a vontade política para pór en marcha as solucións precisas”.

Neste sentido, a asemblea reiterou as propostas da CIG para o complexo industrial:
Crear a figura das Empresas Hiper-Electrointesivas.

Garantir a través do Estatuto Electrointensivo e de todos os instrumentos públicos a máxima compensación por CO2 permitida por Europa, desligándoa dos Orzamentos Xerais do Estado.

Articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía.

Executar a alegación acordada no Consello Económico e Social de Galiza sobre a lei de beneficios sociais e económicos dos recursos naturais, fixando unha bonificación directa na factura eléctrica do 30% para as actividades industriais e económicas.

Modificación da factura eléctrica para liberar das peaxes e cargos asociados ao transporte pola proximidade dos centros de consumo aos centros de produción.

Atendendo á capacidade actual de xeración de MW das eléctricas coas que Alcoa ten subscrito PPA, á potencia que xa teñen adxudicada e á exportación de enerxía fóra de Galiza, as administracións teñen a obriga de articular, conxuntamente coas eléctricas, a activación inmediata das PPA para que o prezo da electricidade non siga a ser unha escusa para Alcoa.

As administracións deben estudar todas as accións legais e institucionais que garantan o cumprimento dos compromisos por parte de Alcoa. En especial, o referido á execución dos investimentos para a construción do forno de ánodos.

O Goberno español e a Xunta, aproveitando a compra do 100% de Alúmina por parte de Alcoa, deben fiscalizar o proceso e buscar unha formula de intervención, na porcentaxe necesaria no consello de administración, que garanta a continuidade do emprego en San Cibrao, incluíndo por suposto o das auxiliares, do mesmo xeito que xa pasou con Telefónica e Celsa Atlantic.

Aprobación definitiva da ampliación á cota 104 da DBR antes do 01 de xuño de 2024.

Finalmente, as delegadas e delegados advertiron que A Mariña ten unha enorme dependencia da actividade da fábrica de San Cibrao: “é seu motor económico”. Por iso concluíron que “non podemos permitir que Alcoa materialice os seus plans e que a nosa fábrica acabe como a da Coruña ou Avilés. Temos que evitar que a nosa comarca se converta nun deserto industrial sen futuro e para iso precisamos arrincar o compromiso inequívoco dos gobernos de que actuarán a todos os niveis que sexa preciso”.

Exit mobile version