O conselleiro de Sanidade en funcións salienta o legado que deixan na sanidade pública galega os 148 profesionais xubilados da provincia
No acto celebrado no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti, Comesaña lembrou a inauguración do HULA en 2011 na que colaboraron estes traballadores. “O traslado desde o Hospital Xeral-Calde foi un reto inmenso pero tamén un proceso feito de maneira exemplar grazas a implicación de todos os seus profesionais. Podedes sentirvos moi orgullosos”, recoñeceu o titular en funcións da carteira sanitaria. A continuación, lembrou tamén os avances dos hospitais comarcais da Mariña e de Monforte de Lemos, “dous hospitais que non deixan de crecer e de achegar cada vez máis servizos á veciñanza destes distritos”.
No repaso á súa traxectoria profesional, Comesaña destacou que o persoal xubilado “fostes a clave na mellora do noso sistema sanitario e seguirédelo sendo a pesar da vosa xubilación, porque deixades tras de vós un legado imperecedoiro”.
O conselleiro de Sanidade en funcións rematou enumerando grandes melloras en instalacións e equipamento na área sanitaria como o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia (o CIS de Lugo) ou a introdución da cirurxía robótica co robot Da Vinci.
“Todas estas melloras serían en van se non contásemos cun persoal de extraordinaria valía profesional e humana. Todos: facultativos, persoal de enfermaría, auxiliares, celadores, persoal de servizos e xestión, técnicos e todos os demais profesionais que contribuídes ao bo funcionamento do servizo público de saúde”.
Previamente, en representación dos traballadores tomaron a palabra María Coral Elena Guemes Vázquez, médica de familia no centro de saúde de Viveiro, e Víctor Rodríguez Verdes, xefe de cociña no HULA.