Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro celebra este martes o Gran Desfile de Entroido

A comitiva sairá ás 17:30 de mañá martes 13 de febreiro dende a explanada da variante (avenida de Ferrol), e rematará na Praza Maior

Viveiro, 12 de febreiro de 2024. O Concello de Viveiro celebra mañá, martes 13 de febreiro, un Gran Desfile de Entroido que contará con diversos premios. Será a actividade central da programación municipal de Entroido, que inclúe diversas actividades adicionais para estes días.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, animou a toda a veciñanza do municipio “a participar neste gran desfile cos mellores disfraces, para seguir facendo deste Entroido en Viveiro unha festa inesquecible”.

O desfile sairá ás 17:30 dende a explanada da variante (avenida de Ferrol), e rematará na Praza Maior. Os premios que se outorgarán ás persoas que participen nel estarán divididos nas categorías de adultos e infantil.

No caso da categoría de adultos, haberá catro premios por modalidade: carrozas, grupos, comparsas, parellas e individual, ademais dun premio especial ao humor e á orixinalidade. Na categoría infantil inclúense as modalidades individual, parellas e grupos.

En total, o Concello repartirá máis de 5.000 euros en premios en metálico. Ademais, haberá unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros para as carrozas participantes no desfile.

No propio martes 13 de febreiro haberá tamén unha “Discotroula de Entroido”, na praza Maior de 13:30 a 15:30 e de 17:00 a 21:00.

O mércores 14 de febreiro, por outra banda, será o Enterro da Sardiña. A xornada comezará pola mañá cunha recepción de autoridades no antigo Concello (na Biblioteca Municipal), e seguirá co descubrimento dunha placa conmemorativa ás 18:00.

O “Enterro da Parrocha” infantil comezará ás 18:30, con saída dende o final da rúa Pastor Díaz e con final na Praza Maior. A rapazada participante gozará dun chocolate con churros antes de saír.

O Enterro da Sardiña será ás 21:00, con saída dende a praciña da Herba e final na Praza Maior, amenizada pola charanga Santa Compaña e cun reparto de bolos preñados e viño.

Exit mobile version