“Chega o entroido e con el as ganas de divertirse, de disfrazarse e de manter o espírito participativo para continuar con este dinamismo que move Burela”, sinalou a alcaldesa Carmela López
Burela, 2 de febreiro de 2024. O Concello de Burela presenta a súa programación de Entroido. Serán un total de seis días con numerosas actividades, dende o venres día 9 de febreiro ata o mércores 14, día do Enterro da Sardiña.
“Chega o entroido e con el as ganas de divertirse, de disfrazarse e de manter o espírito participativo para continuar con este dinamismo que move Burela”, sinalou a alcaldesa do municipio, Carmela López.
“Tanto o Concello como as entidades que se suman á celebración organizando bailes e concursos estamos a traballar arreo para darlle auxe ó entroido”, afirmou pola súa banda Patricia Eijo Palmeiro, concelleira de Festas e Festexos.
Dentro da programación destacan as actividades que se realizarán na carpa da praza da Mariña. A primeira delas será a Festa Xuvenil, que inaugurará a programación municipal o venres 9 de 19:00 a 22:00 con música de DJ, premios e chocolatada.
Na mesma carpa, na noite do sábado 10 a partir das 23:00, terá lugar o Entroido Bonito, unha festa con DJ e concurso de disfraces coorganizada pola Asociación de Festas Patronais de Burela. Tamén terá lugar nesta carpa o Día do Neno o martes 13, que contará entre as 16:30 e as 21:00 con inchables, manualidades, música e un desfile infantil con premios para o disfrute dos máis cativos e cativas.
O gran Desfile de Carnaval será o domingo 11. Manterase o percorrido de anos anteriores, comezando ás 17:00 na rúa do Ril e rematando na praza da Mariña. As inscricións realizaranse ata o día 9 de febreiro na Casa da Xuventude, ou no propio día do desfile ata ás 15:30 no local de Ledicia.
Este ano aumentouse significativamente o importe dos premios no desfile, cun total de 3.280€ repartidos en diferentes categorías, co obxectivo de facer máis atractiva a participación. “Valoramos o esforzo dos e das concursantes, e por iso, xunto con ACIA, vimos necesario incrementar a dotación económica”, explicou Patricia Eijo. “Contamos con que os veciños e veciñas de Burela e alrededores se animen a participar”, engadiu.
Por outra banda, o luns 12 de febreiro na praza de Abastos ás 16:30 terá lugar un obradoiro de cociña infantil. As inscricións realizaranse a través do Centro de Educación Medioambiental Gaia. Finalmente, o entroido cerrarase co tradicional Enterro da Sardiña o mércores 14, coorganizado pola ACM Dambara. Será a partir das 20:00 dende O Poeta ata O Penoural.
“Desexamos que todo o pobo de Burela e os visitantes que nestos días nos acompañen disfruten desta festa tan alegre, divertida e chea de actividades”, rematou sinalando a concelleira de Festas e Festexos.