O líder do PPdeG propón estender as bonificacións do Imposto de Sucesións tamén aos descendentes colaterais: “Nestes anos 836.000 contribuíntes galegos aforráronse ter que pagar por recibir unha herdanza e, se goberna a esquerda, volverán ter que facelo”
Burela, 6 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que estes días de campaña teñen que consistir en “falar coa xente” e “en ser conscientes do moito que está en xogo” o próximo 18 de febreiro porque “catro anos para lamentarse poden facerse un tempo demasiado longo”. Por iso fixo un chamamento a “non dar nada por feito nin relaxarse” e a traballar para que Galicia siga indo polo bo camiño.
O líder dos populares galegos quere que a normalidade, o sentidiño e a estabilidade e o bo goberno continúen sendo as características de Galicia. De aí que aspire a obter unha maioría suficiente que lle permita poder trasladar a mensaxe de que “todo ese barullo continuo, ese desgoberno, esas perdas de tempo e o priorizar a chantaxe antes que o interese xeral” que se están vendo a nivel nacional cheguen a Galicia.
“Négome a aceptar todo isto que se acepta como normal e négome a que todo isto poida ocorrer en Galicia. Por iso necesito a maioría suficiente para evitalo”, concluíu apelando a seguir pola senda da baixada de impostos, a gratuidade educativa, o coidado dos dependentes e a ampliación do parque público de vivenda.
Esta é, para Rueda, a única alternativa. Xa que do outro lado só hai un multipartito de formacións que só teñen en común “presumir de falar mal de Galicia”, tal e como se constatou onte no debate electoral organizado pola CRTVG.
Un debate no que se constatou que a oposición “aínda non é consciente do dano que lle fixo á xente do mar” e non se atreve a afirmar abertamente se están ou non a favor do pago do Imposto de Sucesións que en Galicia leva anos sen pagarse. Porque aí está unha das grandes diferenzas entre os dous modelos: “Mentres eles recuperan impostos e os suben, nós os eliminamos ou os baixamos”.
Reafirmou así a súa proposta de ampliar as bonificacións ao Imposto de Sucesións máis alá dos descendentes directos, ata os descendentes colaterais: irmáns, tíos, sobriños, cuñados, xenros e sogros. “Nestes anos 836.000 contribuíntes galegos aforráronse ter que pagar por recibir unha herdanza e, se goberna a esquerda, volverán ter que facelo”, engadiu.
Rueda considera que Galicia tampouco merece “estar gobernada por un independentismo que quere ordenar á xente como ten que falar, repartir carnés de bos e malos galegos, derrogar o Tribunal Constitucional ou impoñer unha educación pública totalmente en galego”. Matizando neste sentido que iso podería ser posible coa equidistancia dun PSOE que “xa non aspira a ter un bo resultado, senón a que simplemente non goberne o PPdeG”.