Site icon Crónica3.com A Mariña

Rodil anuncia un novo marco de contratación da Xunta de Galiza “que garanta que as administracións non sexan precarizadoras cos traballos esenciais”

O BNG impulsará unha nova Lei Gelga de Contratación das Administracións Públicas qeu buscará “garantir o pleno respecto dos dereitos laborais con cláusulas sociais”

Lugo, 8 de febreiro de 2024. A cabeza de lista do BNG, Olalla Rodil, visitou esta mañá ás traballadoras do sector da limpeza, que levan máis de 100 días en folga reclamando unhas condicións de traballo dignas a través dun novo convenio. Rodil trasladou o apoio e o recoñecemento do BNG “a unhas mulleres que son esenciais, encárganse da limpeza de instalacións como a residencia de maiores das Gándaras ou os centros escolares, e seguen cobrando menos do SMI”, afirmou a candidata do BNG, que engadiu “é preciso garantir unhas condicións de traballo dignas para un sector esencial como é a limpeza”.

Rodil anunciou que o BNG desde a presidencia da Xunta de Galiza impulsará unha nova Lei galega de contratación das administracións públicas que terá como obxectivo favorecer as contratacións de pequenas e medianas empresas con capacidade innovadora e de xeración de emprego estábel. “Trátase de acabar co práctico monopolio das grandes construtoras e fornecedoras de servizos madrileñas na realización de obras públicas e prestación de servizos na Galiza e, ao tempo, garantir o pleno respecto polos dereitos laborais”, explicou Olalla Rodil, que engadiu “reduciranse na medida do posíbel os contratos a empresas externas de servizos que pode prestar directamente a administración pública cos seus propios recursos”.

A cabeza de lista do BNG explicou que unha das medidas máis importantes será a introducción de cláusulas sociais e con perspectiva de xénero. “Estas cláusulas deben servir para crear emprego, mais tamén para garantir que as persoas que traballan nas empresas contratistas teñen unhas condicións laborais óptimas”, declarou Rodil. O BNG aposta por unha contratación pública que sexa estratéxica e responsábel para acadar obxectivos sociais, éticos e ambientais. Mediante a contratación dos servizos públicos da Xunta de Galiza utilizaranse todas as posibilidades legais para a fomento dos contratos reservados para iniciativas de carácter social e sen ánimo de lucro.

Rodil chamou a concentrar o voto na papeleta do BNG, “a única forza que poderá gobernar Galiza coas mans libres”, afirmou. Olalla Rodil destacou que o BNG “ten proxecto para Galiza, e ten un equipo preparado para darlle a este país o cambio que merece tras 15 anos de abandono por parte do PP, cunha presidenta á que ninguén lle dirá até onde pode chegar na defensa dos intereses dos galegos e galegas.”.

Exit mobile version