O BNG defende un novo modelo de ordenación do territorio que permita impulsar modelos produtivos que favorezan a desintensificación da actividade agraria, co obxectivo de acadar modelos máis sustentábeis ambientalmente e economicamente, ao diminuír os custos de produción
O BNG impulsará modificacións na lexislación actual para dirixir a normativa de recuperación da terra agraria cara a garantir a dispoñibilidade de terreos para o sector gandeiro, a viticultura ou o cultivo, optimizando os recursos das distintas explotacións para garantir a súa viabilidade. Outro dos grandes eixos de actuación do Bloque no rural será o apoio aos produtores e produtoras, con medidas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas.
Con estas medidas, desde o BNG avanzarase nun novo modelo de ordenación do territorio que permita impulsar modelos produtivos que favorezan a desintensificación da actividade agraria, co obxectivo non só de acadar modelos máis sustentábeis ambientalmente, senón tamén economicamente, ao diminuír os custos de produción.
“Este 18 de febreiro votar ao BNG é votar por un novo modelo de ordenación do territorio que garanta a continuidade do noso medio rural”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “temos un proxecto claro para asentar poboación, garantir a dispoñibilidade de servizos e garantir a continuidade das empresas vinculadas ao medio rural”. Rodil pediu o voto ao BNG “para poñer fin a 15 anos de abandono do rural por parte do PP, estamos a poucos días de ver a Ana Pontón como primeira presidenta da Xunta de Galiza”.