Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo solícitalle á Deputación que lles comunique ás persoas afectadas a anulación das exencións do imposto de vehículos no 2024

O alcalde, Dani Vega, pide que lles outorguen un prazo suficiente para aportar o certificado de minusvalía

Ribadeo, 9 de febreiro de 2024. Ribadeo solicítalle á Deputación de Lugo que lles comunique ás persoas afectadas a anulación das exencións do imposto de vehículos no 2024 e que lles outorgue un prazo suficiente para aportar o certificado de minusvalía.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “desde o Concello reclamamos á Deputación de Lugo en relación co procedemento iniciado para anular as exencións do imposto sobre vehículos no 2024 para aquelas persoas afectadas por discapacidade que teñen un grao igual ou superior do 33%”.

O rexedor subliñou: “queremos que o Servizo Provincial de Xestión Tributaria proceda a realizar a comunicación oportuna a todos os afectados e tamén outorgándolles un prazo suficiente para que poidan aportar o certificado de minusvalía, discapacidade, expedido pola Xunta de Galicia”.

Vega considera que “trátase dunha reclamación feita desde a responsabilidade coa máxima lealdade institucional, pero coma máxima responsabilidade. É unha petición clara, que esperemos que nos contesten de inmediato dicindo que isto vai cambiar a forma de comunicar, a forma de tratar o problema”.

Para o alcalde ribadense “non se pode enviar simplemente unha carta ao Concello de Ribadeo dicindo que isto se ía anular. Isto non pode ser. O que pedimos é algo claro: información a todas as persoas afectadas, que se dea un prazo suficiente para entregar o certificado e tema resolto. Así é como se deben facer as cousas e entendo que a Deputación o vai facer despois desta petición”.

Exit mobile version