Ribadeo, 12 de febreiro de 2024. Ribadeo repartirá 6.900 euros en premios no Desfile do Antroido que terá lugar mañá, martes, festivo local. A saída será ás 17:30 horas desde a Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas da vila e rematar diante do Pazo de Ibáñez.
Moitas foron as actividades que se desenvolveron esta pasada fin de semana. Na madrugada do sábado tivo lugar un sorteo na praza da Fonte Nova, entre todas aquelas persoas que consumiron na hostalería local e que ían debidamente disfrazadas, tal e como recollían as bases da convocatoria. Foron sorteados 2.000 euros doados polas charangas A Choca e Aturuxo; 500 euros doados polos locais da zona vella; e 200 euros en vales de compra doados por Acisa.
A comparsa do cocho foi a encargada de animar o domingo en Ribadeo, acompañada do cuarteto Illa Pancha, das charangas locais e das mascaritas, que encheron de enxeño e bo humor a vila. Ás dúas da tarde houbo concentración de mascaritas no Cantón, e outro importante sorteo: unha viaxe para dúas persoas ao Carnaval dos Indianos de Santa Cruz de La Palma en 2025; e unha noite nun Parador de Turismo, xentileza de Paradores.
A festa do freixó, o sábado e domingo, e o baile infantil na discoteca Rosalar, na tarde de onte, foron outras das actividades desenvolvidas durante a fin de semana.
Desde o Concello indican que “esta edición do Antroido de Ribadeo afonda e quere darlle o protagonismo a aqueles elementos que o caracterizan, que o fan único, porque nun mundo globalizado coma no que vivimos só a nosa singularidade nos vai facer destacar”.
E subliñan que “o que fai diferente o Antroido ribadense dos de arredor son a mascarita, a comparsa do cocho e a queima do Entroido. Así que este ano, toca vivir intensamente tamén as xornadas nas que estas tres figuras son as protagonistas para que así, aos poucos, de edición en edición, o Antroido de ribadeo teña a marca de singularidade que precisa para afianzarse e medrar. E o desfile ten que converterse nun escenario para que cada vez máis mascaritas nos asombren coa súa chispa, coa súa retranca e coa súa creatividade”.
E lembran que “en tempos, nos bos tempos do Antroido, o éxito era seguir dando que falar cando os días da festa remataban, porque morriamos da risa lembrando a que armaran aquela veciña ou aquel veciño, ou aquela pandilla que ao mellor nin sabiamos de onde saíran”.