Viveiro, 24 de febreiro de 2024. O Concello de Viveiro acolleu hoxe o acto de presentación do cartel da Semana Santa 2024.
O cartel deste ano é unha imaxe da procesión da Misericordia antes de chegar á Porta de Carlos V para adentrarse no casco histórico de Viveiro na madrugada do xoves ao venres Santo.
A fotografía é de Dani Caxete, un artista multidisciplinar de Celeiro. “É imposible ser de Viveiro e non emocionarse ao ver o cartel deste ano. Moitas grazas, Dani. Con esta elección, a Xunta de Cofradías volve apostar ademais por un artista local, algo que me fai sentir especialmente orgullosa”, asegurou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, no acto, ao que tamén asistiron o resto da corporación municipal e Carmela López, deputada provincial e alcaldesa de Burela.
“Un ano máis, é emocionante pensar que xa queda tan pouco para vivir nas rúas de Viveiro o sentimento que acompaña sempre á nosa Semana Santa, agradecendo o gran traballo que vén facendo desde hai meses a Xunta de Cofradías para que todo saia ben”, engadiu Loureiro.
A Deputación de Lugo colabora con 25.000€
A Deputada pola comarca da Mariña, Carmela López, participou este sábado na presentación do cartel da Semana Santa de Viveiro e o programa ADRAL 2024. Destacou que a Deputación de Lugo colabora coa celebración da Semana Santa de Viveiro cunha achega de 25.000€, “dende o convencemento de que é unha obriga cara a conservación do noso patrimonio e as nosas tradicións. Unha herdanza moi rica que temos que manter viva, pero tamén unha fonte de desenvolvemento para Viveiro e para o resto da nosa comarca e da provincia”.