Un seguro público para cubrir perdas eventuais de produción o máis axudas para facer fronte a alta mortaldade de marisco, entre as propostas de goberno do Bloque
“Comprométome a ser a presidenta que recupere o sector do mar e que dea á súa xente a confianza suficiente para saber que neste sector vai ter futuro”, asegurou.
Pontón destacou en primeiro lugar a posta en marcha dun Plan estratéxico de recuperación das rías -financiado con recursos propios pero tamén do Estado e da UE- para facer fronte á “brutal” perda de produtividade, que afecta aos bivalvos pero tamén ao mexillón, o percebe, o polbo ou os crustáceos, perda de produtividade que en algunhas especies está por riba do 80%.
“A próxima lexislatura ten que ser a da rexeneración das rías” subliñou a candidata, para quen a recuperación de produtividade é fundamental na supervivencia do sector do mar, que nos últimos quince anos sufriu o “abandono” do PP malia que da traballo a 64.000 persoas e supón o 4,8 % do PIB galego. “Ante a perda continuada e drástica de produtividade, o Goberno do PP só responde con negacionismo persistente e recortando orzamentos”, denunciou.
Fronte á inacción ante un problema que está causando no sector grandes perdas, a alternativa do BNG pasa, entre outras medidas, por regular o baleirado dos encoros para non prexudicar á produción das rías ou impulsar sementeiras públicas e mixtas, que permitan ter semente propia e non depender tanto do exterior, garantindo ademais o subministro para especies autóctonas.
Axudas ata acadar o SMI e menos cotas á Seguridade Social
Pontón incidiu na necesidade de garantir ás mariscadoras e ós mariscadores “rendas dignas” e, neste sentido, avanzou varias propostas, entre as que destacou a creación dun seguro público que cubra as perdas eventuais de produción. Igualmente, propón a ampliación das axudas individuais ata acadar o salario mínimo interprofesional (SMI) para cada mariscador/a ata que recupere o ritmo de traballo e de ingresos habitual e evitar que siga en aumento o abandono desta actividade. Ademais, comprometeuse a reclamar do Estado unha redución nas cotizacións á Seguridade Social para este colectivo.
Investigar as causas da perda de produtividade
A investigación vai ser outra das patas na política para o sector do mar dun goberno liderado polo BNG, que porá en marcha un consorcio científico de estudo e coñecemento do medio mariño no que participen centros de investigación, universidades e o propio sector, que leva anos reclamando estudios sobre a perda de produtividade das rías. “Temos que saber que está pasando nas nosas rías para acertar nas decisión que temos que tomar”, apuntou a candidata.
No que ten que ver coa comercialización do “extraordinario produto” que fai de Galiza unha “referencia pesqueira e marisqueira”, Pontón adiantou o compromiso do Bloque de poñer en marcha unha sociedade mixta para a promoción e venda de peixe e marisco do País. Co mesmo obxectivo vaise crear unha marca propia para que os consumidores identifiquen na etiquetaxe a procedencia do produto que merquen e “teñan a seguridade de que o que se merca como produto galego sae realmente das nosas rías”.
Nesta mesma liña, o programa de goberno nacionalista aposta polas denominacións de orixe protexidas (DOPs) e pola promoción internacional dos nosos produtos do mar, explicou a candidata á Presidencia, para quen resulta fundamental ademais a aposta pola transformación, dando valor engadido aos produtos galegos en aras dun maior beneficio para a xente do mar.
“A xente que sae o mar, que vai mariscar, que ten un traballo tan duro, ten que ter rendas dignas, e iso é o que quere garantir o BNG”, concluíu Pontón.