A realidade é a que é pero os medios de comunicación teñen dono e quen os financia arrima a brasa á súa sardiña para que todo se axuste aos intereses dos que pagan.
Lembro con cariño aquelas aulas no IES de Foz cando mercaba os xornais do día para analizar unha noticia (a negociación dun convenio en ALCOA, por exemplo), repartía a prensa entre o alumnado e preguntaba pola súa opinión.
As respostas non tardaban en chegar: “Imos ver, profe, por que nestes xornais os malos son os traballadores e a empresa ten razón, e por que nestoutros os empresarios son uns egoístas fillos de p… que explotan aos asalariados?”. E a miña réplica caía de caixón: “Pois porque cando falamos de intereses, sobre todo económicos, os xornais procuran defender as ideas daqueles que os financian”. E se no medievo mandaba máis o que arreaba as hostias máis fortes, hoxe en día teñen o poder os que controlan os medios de comunicación.
En campaña electoral as falacias contaminan aínda máis a información política e se non queres que cha “metan dobrada” debes ser moi crítico co que che contan e, sobre todo, con quen cho conta. Sabes que grupos –moi pouquiños!– controlan a información en España? Sabes cal é a súa ideoloxía? Sabes a quen defenden?… Sabías que se un periodista honesto quere exercer como tal o máis seguro é que remate na rúa? Así que nin códigos deontolóxicos nin farrapos de gaita!
E deste xeito, os medios públicos son sometidos “pola brava” e os privados untados “coa pomada” dos cartos que saen dos nosos petos. Sabes a burrada de millóns de euros que lles pagou Feijóo ás empresas de comunicación privadas para que defenderan a súa xestión? Sabes o que lles está a pagar Rueda? Os datos están aí e deberías consultalos.
Sen información veraz non hai democracia e o panorama é desolador. O medio máis influínte, a TVG, é un mediocre aparato de propaganda do PP. Os “xornalistas” mellor pagados escriben o que lle ditan os poderosos. As sondaxes de opinión amáñanse para lavarlle a cara ao candidato do PP e as enquisas prospectivas sobre as eleccións galegas cocíñanse para distorsionar as tendencias do voto. E a medida que a campaña avanza, a manipulación vai “in crescendo” nomeadamente por tres razóns.
A primeira, porque despois dese revés inesperado que o PP aturou nas xerais do 23X, Feijóo precisa dun desquite para consolidarse dentro do seu partido non sexa que lle aconteza o que lle pasou a Casado. De aí que veña a Galiza para resolver os problemas que ten en Madrid. O adianto da data electoral e a súa campaña están pensados pois en clave españolista e nada teñen que ver cos intereses dos galegos.
A segunda, porque o candidato do PP á Xunta é un home gris, sen liderado, con menos cultura política que o seu xefe e que corre o risco de meter a pata en calquera momento. Así que canto menos se mova, mellor. O máis intelixente que pode facer facer Rueda é rodar na súa moto e fuxir dos debates e das declaracións comprometidas, e no en tanto a TVG e a prensa amiga dedicaranse a construír a imaxe virtual dun líder inexistente.
E a terceira e a máis importante, porque agora o PP está a verlle as orellas ao lobo, a unha loba neste caso, pois os seus estudos de opinión testemuñan o ascenso imparable da candidata do BNG. De aí que se vexa na obriga de rachar con esa imaxe de partido garante da orde e a estabilidade para enzoufar a campaña cunha enxurrada de falsidades, de titulares agresivos contra Ana Pontón e de descualificacións da súa figura.
Mais sabedes unha cousa, non se lle poden poñer portas ao campo! Ana estará en Burela o día 13 e eu tamén estarei alí para gozar o privilexio de darlle unha aperta á que será a primeira muller en presidir a Xunta de Galiza.