Do total do investimento executado, máis de 70M€ foron adxudicados no último ano co fin de aumentar a cohesión territorial, facilitar a mobilidade e aumentar a seguridade viaria
Taboada, 26 de febreiro de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o impulso histórico do Goberno de Pedro Sánchez na rede viaria estatal da provincia de Lugo, cun investimento total que supera os 330M€ nos últimos catro anos. Así o confirmou nunha visita ao concello de Taboada xunto co alcalde, Roi Rigueira, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, que se desprazaron ata a N-540 para poñer en valor a adxudicación por 11M€ da rehabilitación do firme, chave para a mobilidade da zona.
Pedro Blanco subliñou que con esta aposta “imos corrixindo progresivamente o déficit que arrastraba desde hai moitos anos a rede de estradas en Lugo polo deixamento e abandono de anteriores administracións”, reafirmando que só en conservación e mantemento “se levan investido máis de 214M€ desde o ano 2019”.
Nesta liña reafirmou dúas actuacións importantes para a provincia como a formalización dun contrato de máis de 14M€ para a conservación de estradas en Lugo, así como a adxudicación de 11M€ para a rehabilitación do firme da N-540, “unha actuación moi demandada que resolverá os problemas graves de deterioro que vén arrastrando”.
En definitiva, o delegado do Goberno defendeu que o impulso dos investimentos en estradas de Lugo “acada niveis nunca antes vistos, demostrando con feitos que hoxe Lugo e tamén Galicia contan cun Goberno que aposta claramente pola modernización das nosas infraestruturas, evidenciando que son territorios prioritarios na súa axenda”.
Do investimento total de 330M€, Pedro Blanco sinalou que “70M€ foron adxudicados no último ano co fin de aumentar a cohesión territorial, facilitar a mobilidade e potenciar a seguridade viaria, e con este compromiso imos continuar os próximos 4 anos”, rematou.