O PSOE local sostén que “o único que sabe facer o PP é malinformar para desacreditar”
Tanto a alcaldesa como os socialistas de Vilalba felicitaron a Alfonso Rueda polo seu resultado electoral, pero tamén lle piden “máis diálogo e un cambio de postura con respecto a Vilalba por parte da Xunta, xa que así o merecen os nosos veciños e veciñas”.
“Ante estas demandas en positivo, o PP recurre a falsidades para culpar ao concello de mala xestión e de perder subvencións, cando saben que non é así”, asegura Eduardo Vidal, secretario xeral dos socialistas de Vilalba.
“O PP coñece a realidade de cada situación que denuncia e sabe que o goberno vilalbés ten obrado con responsabilidade e dilixencia, como no caso da reforma da casa consistorial, no que hai solicitada unha prórroga do prazo de execución por un problema da empresa adxudicataria, non do concello”, explica Vidal.
Os socialistas apuntan que “o único que sabe facer o PP é malinformar para desacreditar tanto á alcaldesa como ao goberno local, situación que non nos colle de novo: información sesgada, propagación de bulos e cero propostas para xustificar o desprezo da Xunta co Concello de Vilalba”.
“Resultan inxustificables as súas críticas porque ten a información ao alcance da man, polo que facemos un chamamento ao rigor informativo, ao mesmo tempo que convidamos ao PP a sumarse aos intereses dos vilalbeses e vilalbesas”, engade Vidal.