Os populares coincidiron en subliñar que “o PP e a Xunta cumpren (teñen concluída ou a piques de rematar a tramitación dunha ducia de parques eólicos que abastecen de enerxía a un prezo competitivo a fábrica de Alcoa); pero o Goberno do PSOE apoiado polo BNG, non”
A Mariña, 16 de febreiro de 2024. Os candidatos da Mariña ao Parlamento galego polo PP, Alfonso Villares e José Manuel Balseiro, participaron nesta última xornada de campaña electoral nos mitins do Vicedo e San Cibrao onde pediron o voto para o Partido Popular co obxectivo de que, “despois do 18 de febreiro, Galicia conte cun Goberno serio presidido por Alfonso Rueda que dea estabilidade e certezas a Galicia, a Lugo e á Mariña; fronte a un posible multipartito”.
Os populares puxeron como exemplo das políticas lesivas de PSOE e BNG para A Mariña a situación con Alcoa. “O BNG o único que fixo foi vender aos traballadores. Fixo a política perfecta para pechar as dúas plantas: tanto a de aluminio como a de alumina”.
Balseiro subliñou que “pola mañá se manifestaba cos traballadores de Alcoa e pola tarde en contra dos parques eólicos -que incluso recorreu- que deben abastecer á planta de enerxía a un prezo competitivo. Con esa política, hoxe teriamos pechada a planta de aluminio”. E engadiu que “pola mañá manifestábanse apoiando aos traballadores e pola tarde unha asociación ecoloxista vinculada ao BNG recorría para que a Xunta non lle dera o permiso para ampliar a balsa de lodos e, polo tanto, non tería onde verter os barros rojos e habería que pechar a planta de alumina”.
O candidato popular lembrou tamén que “PSOE e BNG asinaron no 2020 o pacto para investir presidente a Sánchez no que as dúas medidas estrela eran solucionar o problema de Alcoa cun novo estatuto electrointensivo -que fose realmente útil- e o traspaso da AP-9 a Galicia. A día de hoxe todos sabemos que ningunha destas medidas está adoptada. No 2023 volven asinar un pacto, pero esas dúas medidas desaparecen”. E, a este respecto, explicou que “no 2020 estaba operando ao 100%, hoxe a un 20-25% con respecto ao 2020. Isto demostra que nin ao PSOE nin ao BNG lles importan os postos de traballo que dependen da planta de Alcoa. Enganaron aos traballadores e xogaron a pechar as dúas plantas”.
A XUNTA CUMPRIU COS SEUS COMPROMISOS
“O PP cumpriu cos traballadores de Alcoa”, subliñou Alfonso Villares lembrando que “a Xunta ten concluída a tramitación de 10 parques eólicos para dotar á planta de enerxía a prezos competitivos e en proceso de concluír a tramitación doutros 2; mentres que seguen pendentes os que dependen do Goberno do Estado”.
O popular engadiu, nesa liña, que “o Partido Popular fará todo o posible pola continuidade da planta e dos postos de traballo poñendo dende a Xunta os medios dispoñibles e reclamando ao Estado as medidas que sexan necesarias como un estatuto electrointensivo útil que lle permita á planta ser competitiva ou apoiando ao Estado se decide impulsar unha intervención pública”.