Na actualidade, Galiza é a novena potencia europea en producción de madeira, e a provincia de Lugo acumula a metade das cortas de madeira de todo o País. O BNG propón fomentar a produción de madeira de calidade e do seu uso para carpintería, mobles e usos estruturais na construción, así como para a provisión de produtos biobaseados, como téxtiles, embalaxes, enerxía e mesmo a construción e electrónica, atendendo ao aumento da demanda de materiais e produtos naturais, renovables, sostibles e de baixo impacto ambiental. “A biomasa forestal, a madeira e os produtos e materiais derivados da madeira deben posicionarse para satisfacer as demandas da nova bioeconomía”, explicou Olalla Rodil.
A candidata do BNG afirmou que unha das liñas de traballo será “atraer e impulsar oportunidades de emprendemento local en base á valorización dos ecosistemas forestais autóctonos”. O BNG pretende visibilizar os distintos aproveitamentos ecosistémicos (almacenamento de carbono nos solos e vexetación), ambientais (biodiversidade, defensa contra o lume) e culturais apoiados en actividades da economía local. Ofertar produtos e servizos á sociedade mediante un modelo de xestión con rendibilidade económica, baseado nun monte con especies autóctonas, de crecemento máis lento, pero multifuncional e biodiverso.
A cabeza de lista do BNG por Lugo asegurou “este domingo as galegas e galegos decidimos o futuro do noso País, temos que saír a votar en masa porque Lugo pode ser a chave para que teñamos un goberno do BNG que deixe atrás os 15 anos de recortes e abandono do Partido Popular”. Rodil asegurou que “no BNG temos un proxecto claro para asentar poboación, garantir a dispoñibilidade de servizos e garantir a continuidade das empresas vinculadas ao medio rural”, e pediu o voto ao BNG “como garante do futuro de Galiza e dos nosos sectores productivos”.