Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide a creación dunha comisión para investigar “o caos e descontrol nos accesos ao recinto do Entroido de Foz”

A concelleira Verónica Soto cre que “esta improvisación por parte do goberno local xera unha situación negativa para Foz, precisamente no primeiro ano trala declaración do noso Entroido como Festa de Interese Turístico de Galicia”

Foz, 12 de febreiro de 2024. O PP de Foz pide a creación, de inmediato, dunha comisión de investigación e que se depuren responsabilidades ante o “caos e descontrol que se viviu trala entrega de premios do baile de Entroido pola acumulación de xente debido á desorganización á hora de deseñar a entrada, saída, accesos aos baños e zona de fumadoras xa que todos confluían. O Concello debería pedir desculpas ás persoas que se tiveron que ir e ás persoas que o pasaron mal nese momento”, engaden.

A concelleira Verónica Soto traslada a preocupación dos populares por este “grave suceso” que cre que “é necesario analizar desde dentro” porque “puido causar problemas importantes. Afortunadamente non pasou nada e temos que agradecer a paciencia da xente e a actuación da Garda Civil”.

A popular explica que se “afundiu a plataforma, pero os momentos de máis tensión vivíronse polo embudo creado pola acumulación de xente na zona de entrada-saída” ata que interviu a Garda Civil”. Incluso, “os asistentes non podían localizar as saídas de emerxencia e a propia organización tivo que explicalas no propio momento”. E, ademais, “as saídas daban a prados enlamados que confluían novamente na zona onde se estaba facendo o embudo”.

Os populares censuran “a improvisación por parte do goberno local que é o responsable da organización do Entroido de Foz. Está claro que non se acertou neste deseño e nesta nova ubicación. Hai que ter en conta que se instalou a carpa no barrio das Lagoas que se chama así, precisamente, porque alí nace auga”.

Verónica Soto condena que “esta situación sexa negativa para Foz tendo en conta que é o primeiro ano da celebración do Entroido despois de ser declarado Festa de Interese Turístico Galego”.

O ALCALDE BUSCA PROTAGONISMO E O PP, SEGURIDADE

A popular lamenta que “durante o baile de Entroido, o alcalde quixera facerse o protagonista actuando como speaker, cando os protagonistas eran os participantes”. Nese sentido, sinala que “o alcalde non está para iso porque hai profesionais, xente das comisións ou técnicos de cultura para realizar estes labores”.

Pola súa parte, o Grupo Municipal do PP xa pedira no pleno ao goberno local “prestar atención ás medidas de prevención. Mentres que Cajoto está obsesionado por aglomerar persoas, o PP preocúpase pola seguridade da xente e a calidade do noso Entroido”.

Exit mobile version