“Fronte a este abandono e deixadez”, os populares comprométense a “defender os intereses dos transportistas, traballar para reclamar a rede de autovías do Estado pendentes e seguir vertebrando dende o Goberno galego o interior de Galicia”
Elena Candia e outros membros da candidatura ás autonómicas mantiveron xunto á titular de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez, alcaldes e portavoces da comarca de Becerreá un encontro con representantes do sector do transporte cos que comparten a preocupación polo “deplorable estado de conservación das estradas e autovías de titularidade estatal, polas consecuencias de ter cortada a autovía A-6 en Pedrafita durante 30 meses e o que haxa que esperar para recuperar a normalidade ou polos prexuízos para a actividade e o desenvolvemento económico da provincia que o Goberno do PSOE en Madrid manteña bloqueadas as autovías estruturais de Galicia como a da Mariña, a de Lugo-Ourense ou a de Lugo-Santiago”.
A popular reivindicou “igualdade”. E explicou que “a isto nos referimos cando pedimos ao Goberno de Sánchez -apoiado polo BNG- igualdade de trato con respecto ao resto de España: que os nosos impostos se reinvistan en restablecer a seguridade e que as empresas e autónomos teñan un marco competitivo para traballar”, dixo.
O PP lucense reivindica “a máxima axilidade por parte do Goberno central para a reconstrución da A-6 e un plan de conservación extraordinario que garanta a circulación en plenas condicións de seguridade cun investimento de 140M€”.
Candia incidiu en que “o problema da A-6 segue sen solucionarse dous anos e medio despois e o Goberno do PSOE só se preocupa por poñer os intereses de Sánchez por diante dos lucenses e contentar aos seus socios independentistas menosprezando ao BNG que lle dá o seu apoio a cambio de nada”.
FRONTE AO ABANDONO COMPROMISO COA VERTEBRACIÓN
“Fronte a este abandono e esta deixadez por parte do PSOE coa complicidade do BNG”, reiteraron o compromiso do Partido Popular para continuar a defender os intereses do sector do transporte e traballar para que se complete a rede de autovías pendentes. Pero tamén, no caso daquelas de competencia autonómica, a “seguir avanzando desde o Goberno galego na vertebración interior de Galicia, con autovías libres de peaxe, como a de Lugo a Monforte; coa reforma da conexión de Baralla coa A-6 que estamos a impulsar; e investindo máis de 50 M€ cada ano en actuacións de conservación de estradas e seguridade viaria”, subliñou Vázquez.
Candia incidiu “na política dos feitos do Partido Popular que se visualiza con exemplos concretos, mentres que outros só se dedican a prometer”.
INTERVENCIÓN PARA QUE OS TRANSPORTISTAS POIDAN TRABALLAR
O Partido Popular, preocupado polas condicións nas que o sector do transporte está a desenvolver o seu traballo, trasládalle o seu apoio. E, ante a vaga de protestas en Francia, reclama ao Goberno de Pedro Sánchez “unha intervención contundente e imprescindible no marco das relacións internacionais” para “garantir a circulación das nosas mercadorías e que os transportistas galegos e, especialmente os de Lugo por seren os máis afectados, poidan traballar”.