“Fronte a este abandono e deixadez”, os populares comprométense a “defender os intereses dos transportistas, traballar para reclamar a rede de autovías do Estado pendentes e seguir vertebrando dende o Goberno galego o interior de Galicia”
Becerreá, 4 de febreiro de 2024. A cabeza de lista por Lugo, Elena Candia, sinala que “algo tan básico como a conservación das estradas nacionais é unha materia pendente e esquecida por parte do Goberno de Pedro Sánchez na nosa provincia”. E, polo tanto, reivindica que “rectifique” porque “o claro abandono no mantemento das infraestruturas nacionais repercute dunha maneira moi negativa en materia de seguridade para tódolos usuarios, pero tamén no ámbito económico para o sector do transporte que presta un servizo esencial e do que dependen moitas familias”.
Elena Candia e outros membros da candidatura ás autonómicas mantiveron xunto á titular de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez, alcaldes e portavoces da comarca de Becerreá un encontro con representantes do sector do transporte cos que comparten a preocupación polo “deplorable estado de conservación das estradas e autovías de titularidade estatal, polas consecuencias de ter cortada a autovía A-6 en Pedrafita durante 30 meses e o que haxa que esperar para recuperar a normalidade ou polos prexuízos para a actividade e o desenvolvemento económico da provincia que o Goberno do PSOE en Madrid manteña bloqueadas as autovías estruturais de Galicia como a da Mariña, a de Lugo-Ourense ou a de Lugo-Santiago”.
A popular reivindicou “igualdade”. E explicou que “a isto nos referimos cando pedimos ao Goberno de Sánchez -apoiado polo BNG- igualdade de trato con respecto ao resto de España: que os nosos impostos se reinvistan en restablecer a seguridade e que as empresas e autónomos teñan un marco competitivo para traballar”, dixo.
O PP lucense reivindica “a máxima axilidade por parte do Goberno central para a reconstrución da A-6 e un plan de conservación extraordinario que garanta a circulación en plenas condicións de seguridade cun investimento de 140M€”.
Candia incidiu en que “o problema da A-6 segue sen solucionarse dous anos e medio despois e o Goberno do PSOE só se preocupa por poñer os intereses de Sánchez por diante dos lucenses e contentar aos seus socios independentistas menosprezando ao BNG que lle dá o seu apoio a cambio de nada”.
FRONTE AO ABANDONO COMPROMISO COA VERTEBRACIÓN
“Fronte a este abandono e esta deixadez por parte do PSOE coa complicidade do BNG”, reiteraron o compromiso do Partido Popular para continuar a defender os intereses do sector do transporte e traballar para que se complete a rede de autovías pendentes. Pero tamén, no caso daquelas de competencia autonómica, a “seguir avanzando desde o Goberno galego na vertebración interior de Galicia, con autovías libres de peaxe, como a de Lugo a Monforte; coa reforma da conexión de Baralla coa A-6 que estamos a impulsar; e investindo máis de 50 M€ cada ano en actuacións de conservación de estradas e seguridade viaria”, subliñou Vázquez.
Candia incidiu “na política dos feitos do Partido Popular que se visualiza con exemplos concretos, mentres que outros só se dedican a prometer”.
INTERVENCIÓN PARA QUE OS TRANSPORTISTAS POIDAN TRABALLAR
O Partido Popular, preocupado polas condicións nas que o sector do transporte está a desenvolver o seu traballo, trasládalle o seu apoio. E, ante a vaga de protestas en Francia, reclama ao Goberno de Pedro Sánchez “unha intervención contundente e imprescindible no marco das relacións internacionais” para “garantir a circulación das nosas mercadorías e que os transportistas galegos e, especialmente os de Lugo por seren os máis afectados, poidan traballar”.